O CITIC da UDC participa nun proxecto europeo que impulsa a sustentabilidade das comunidades enerxéticas
venres, 30 de agosto do 2024
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña traballa nun proxecto europeo que axuda á creación de comunidades enerxéticas sostíbeis na contorna do Atlántico e que contribúe a dar pasos relevantes no proceso de descarbonización. Trátase do proxecto SAtComm, activo ata finais do 2026.
A proposta do CITIC inclúe o modelado de todos os elementos das comunidades enerxéticas, ademais da detección de posíbeis anomalías para a súa corrección e optimización do proxecto.
Os investigadores do CITIC da Universidade da Coruña José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián forman parte deste proxecto Interreg da zona atlántica do que forman parte once entidades públicas e privadas de catro países diferentes (España, Irlanda, Portugal e Francia) e que conta cun orzamento total de máis de tres millóns de euros, dos cales a Universidade da Coruña participa cunha dotación de 405.000,01 euros.
Fontes do CITIC explican que as Comunidades Enerxéticas (CES) son entidades xurídicas formadas por socios que xeran e consumen a súa propia enerxía renovábel e que teñen a opción de vender o excedente a outros clientes próximos ao momento de xeración: “Con isto permítese que a cidadanía, desde o plano residencial ata o industrial, poida xestionar a xeración, a demanda e o almacenamento da enerxía de maneira eficiente, sen recorrer a intermediarios”. Co obxectivo de definir un modelo eficiente e sostíbel para a implantación destas comunidades na contorna europea entra en xogo, precisamente, o proxecto SatComm, que incluiría, na súa vertente máis práctica, unha análise que inclúe aspectos de regulación, propostas para a predición da xeración e a demanda, novos modelos de xestión enerxética e mesmo sistemas intelixentes para a detección de anomalías no funcionamento.
A proposta do CITIC da UDC ten como primeiro obxectivo modelar todos os elementos das Comunidades Enerxéticas (CES) utilizando datos históricos, perfís de usuarios e os tipos de carga que deben abastecer. Estas unidades individuais integraranse nun modelo global, o que permitirá emular o comportamento das diferentes CES analizadas. Ademais, o equipo de investigación do CITIC busca identificar e analizar posíbeis fallos ou anomalías nos compoñentes das CES para anticipar problemas e tomar decisións acertadas na xestión, asegurando un funcionamento óptimo durante a súa operación.
O CITIC lembra tamén que SAtComm trata de brindar ás comunidades enerxéticas as ferramentas que necesitan para ter o control da súa enerxía e contribuír activamente a que os nosos sistemas enerxéticos sexan máis limpos.
“As novas normas da Unión Europea están a facer que os usuarios individuais de enerxía sexan máis centrais no cambio cara a unha enerxía máis limpa; con todo, cada país da UE está a adoptar estas regras á súa maneira, o que dificulta que as comunidades de enerxía teñan un impacto significativo nesta transición”, explica o centro da UDC, contextualizando o escenario onde opera este proxecto, que planea analizar as regras nas catro rexións da área Atlántica, crear e utilizar tecnoloxías que funcionen para todos e asegurarse de que sexan sostíbeis. “Desta maneira, todo tipo de usuarios de enerxía, desde industrias ata fogares, terán a capacidade de poder intercambiar enerxía directamente entre si, xestionar o seu uso de maneira intelixente ou almacenar enerxía en baterías”, explica o CITIC, engadindo que o proxecto está a probar estas tecnoloxías en áreas rurais e costeiras das catro rexións, e as conclusións compartiranse para que outras comunidades enerxéticas poidan utilizalas como guía para adoptar conceptos de enerxía intelixente semellantes, de maneira que se converta nun modelo exportábel a outras áreas ou rexións.