O CITIC da UDC participou na feira OSHWDem 2024 co seu programa Talentos Inclusivos
martes, 15 de outubro do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC participou este sábado 12 de outubro co seu proxecto Talentos Inclusivos na feira de tecnoloxías abertas OSHWDem 2024, celebrada no Museo Domus da Coruña. O evento, organizado por Bricolabs, congregou a entusiastas da electrónica, robótica, impresión 3D e a cultura maker, destacando a accesibilidade tecnolóxica como unha das súas grandes propostas.
A caseta do CITIC, baixo o programa Talentos Inclusivos, expuxo diversas tecnoloxías accesibles deseñadas para mellorar o día a día das persoas con discapacidade. Entre as actividades, presentouse unha aplicación de Realidade Virtual, na que os asistentes puideron coñecer como estas ferramentas facilitan o traballo en habilidades cognitivas para persoas con discapacidade intelectual e o can robot baixo a supervisión de Iago Fernández. O CITIC tamén achegou a versión adaptada do videoxogo Mario Kart, que permitiu aos participantes xogar utilizando controis adaptados ao tronco ou a cabeza. Esta iniciativa foi liderada por Paula de Santos, quen mostrou como este tipo de modificacións posibilitan a inclusión no ámbito do entretemento dixital.
Así mesmo, Jorge Rivadulla presentou o xogo personalizado Compra con-migo, deseñado especificamente para persoas con discapacidade, mostrando como as tecnoloxías interactivas poden apoiar a aprendizaxe e a autonomía na vida diaria. Ademais, Irene Brage ofreceu unha demostración de pintura cun dispositivo de apoio para a cabeza, brindando aos asistentes unha experiencia creativa accesible.
Doutra banda, ás 11.00 horas levou a cabo o obradoiro Do Re O meu-croPython, dirixido a mozos de entre 10 e 14 anos. Esta actividade foi impartida por Adriana Dapena, profesora da Facultade de Informática da UDC e investigadora do CITIC, xunto con Beatriz Padín Romero, profesora no Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela. No taller, a mocidade participante aprendeu a combinar música e programación mediante o uso de MicroPython, descubrindo as posibilidades creativas da tecnoloxía.