O CITIC da UDC premia a excelencia tecnolóxica na VI Edición do XoveTIC

martes, 10 de outubro do 2023 S. P.

O Premio Cátedra R

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) vé de premiar un total de nove investigacións no ámbito das TIC dentro da VI Edición do XoveTIC, que tivo lugar os pasados 5 e 6 de outubro na sede do centro. No evento presentáronse 55 traballos (entre comunicacións e pósteres). Ao remate do mesmo outorgáronse os galardóns en diversas categorías para recoñecer a destacados profesionais e investigadores nos eidos da IA (Intelixencia Artificial), a ciberseguridade, a enxeñaría de datos, a Computación de Altas Prestacións (High Computing Performance) ou a análise de datos a gran escala (Big Data).

O Premio Cátedra Aldaba

O Premio Cátedra R ao proxecto máis relevante no ámbito da seguridade, entendida esta en sentido amplo, tanto ciberseguridade en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións como temáticas de seguridade aplicada a outros ámbitos recaeu en Marc Bernice Angoue Avele, Darian Pérez-Adán e Dariel Pereira Ruisánchez polo traballo Espionaxe e interferencia mediante ataques piloto en MIMO masivo 5G (Eavesdropping and jamming via pilot attacks in 5G massive MIMO). O director xeral da operadora galega R, Alfredo Ramos, foi o encargado de entregalo.
Pola súa banda, Hilda Romeu Velo, Susana Ladra, José R. Paramá e Fernando Silva Coira recibiron de mans da directora da cátedra, Virginia Mato Abad, o Premio Cátedra Aldaba - WIB (Women, ICT & Business) ao traballo máis relevante liderado como primeira autora unha muller pola investigación titulada Indexación e Recuperación de partituras por tarareo baseada en características extraídas.

O Premio Cátedra NTT Data

O Premio Cátedra NTT Data á contribución máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade, entregado por Marianne Blanco Martiño (directora Sector Público en NTT Data) recaeu no traballo Amosando ou lado escuro das redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter e Mastodon de Lucía María Álvarez Crespo e Laura M. Castro.

O Premio CICAS Sngular

A directora da Cátedra CICAS Sngular, Laura Castro Souto, foi a encargada de entregar o Premio Cátedra CICAS Sngular ao mellor traballo aliñado coas boas prácticas de Open Science, Open Data, Open Access e Open Source. Resultaron gañadores Eva Pardo, Iago Fernández, Santiago Fernández Noriega, María Martínez e Laura Nieto Riveiro pola súa investigación Solución para a captura e visualización de datos de dispositivos wearable.

O Premio ITG

Pola súa banda, o proxecto Predición do caudal de entrada en presas hidráulicas usando redes neuronais de Alberto Fernández Sánchez, Juan Ramón Rabuñal Dopico, Daniel Rivero Cebrián, Alejandro Celestino Pazos Sierra, Marcos Gestal foi merecedor do Premio ITG ao traballo máis relevante con aplicación industrial, que entregou Gonzalo Blázquez Gil da área de tecnoloxías do Instituto Tecnolóxico de Galicia.

O Premio do CPEIG

Pola súa banda, o Premio CPEIG ao mellor traballo con primeiro autor estudante titulado en Enxeñaría Informática recibírono Francisco Prado Valiño, Roi Santos Ríos, Carlos Gómez Rodríguez e Jesús Vilares da man da vogal do CPEIG, Pilar Vila, pola investigación titulada Prototipo dun sistema de recoñecemento de entidades para a xestión dixital da resistencia a antimicrobianos.

O Premio Clúster TIC a Patricia Concheiro

Dous foron os Premio Clúster TIC concedidos. O que recoñeceu o mellor póster concedeuse a Patricia Concheiro Moscoso, Betania Groba, María del Carmen Miranda Duro, Diego Álvarez Estévez pola Efectividade da Xiaomi Mi Band 5 fronte á polisomnografía na medición do sono.

Iago Fernández Garrido recollendo o Premio Clúster TIC

Mentres, Iago Fernández Garrido e Ángel Gómez foron os gañadores do apartado de mellor comunicación oral pola súa exposición sobre Realidade Virtual para estimulación cognitiva de terceira idade e persoas con discapacidade. Alfredo Ramos, Director xeral de R, entregou ambos premios en representación do Clúster TIC.

Por último, o Premio Fundación CITIC á contribución máis relevante en investigación básica ou teórica, entregado pola concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas de A Coruña, María Canosa, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, recibírono Roberto Prado Rodríguez, Patricia González, Julio R. Banga e Ramón Doallo polo seu traballo Esquema de cooperación autoadaptativo nun algoritmo CAO paralelo para problemas combinatorios binarios.

Os premios destacan a diversidade dos enfoques propostos, que impulsan a innovación e a excelencia nos ámbitos da Intelixencia Artificial, a Ciberseguridade, o Big Data, as Redes Intelixentes e a Computación de Altas Prestacións.