O CITIC e a FIC acolleron este martes un encontro internacional de IA biomédica

mércores, 10 de xullo do 2024 S. P.

Unha xornada de traballo reuniu este martes 9 de xullo a 30 relatores de 9 países no XII Taller Internacional sobre Intelixencia Artificial: Novos Paradigmas en Informática Biomédica, organizado polo CITIC, UDC, RNASA-IMEDIR, Biofarma e IKERDATA. Este evento, que ten lugar de forma simultánea na UDC, a USC e a UPV, busca establecer posíbeis colaboracións para futuros proxectos conxuntos de I+D+i.
O workshop centrouse na aplicación de técnicas e procedementos de Intelixencia Artificial en diversos aspectos relacionados coa bioinformática. Entre os temas que se abordaron incluíronse a identificación de biomarcadores, indicadores da presenza de determinadas alteracións etiopatogénicas, a procura de candidatos a fármacos baseados nas moléculas diana e as condicións da contorna, aplicacións en diferentes patoloxías, así como o uso de IA e computación en diversas contornas, modelos bioinspirados e a seguridade na adquisición e xestión de datos. En total, celebráronse 17 conferencias durante a xornada da mañá deste martes, celebrada no CITIC, e 4 workshops na Facultade de Informática da UDC.
Entre os relatorios destacou a presentación de RISKEXPO por parte do investigador do CITIC Alejandro Pazos e Natia Tamarashvili. No seu relatorio explicaron a elaboración dun proxecto para presentar nalgunha convocatoria da UE ou do NIH (National Institutes of Health, USA) relacionada coa enfermidade gastrointestinal e o cancro colorrectal. A hipótese de partida é que a dieta, e os materiais utilizados para a conservación dos alimentos poden influír no desenvolvemento de doenzas gastrointestinais, incluíndo o cancro colorrectal. A través da proposta dos investigadores, búscase identificar moléculas que poidan transferirse dos envoltorios aos alimentos e que sexan responsábeis destas patoloxías, co fin de propoñer regulacións ás autoridades competentes.
Pola súa banda, o grupo Biofarma da USC falou sobre unha técnica innovadora utilizada no desenvolvemento de medicamentos chamada cell painting. Este método utiliza tinguiduras celulares e análises de imaxes para avaliar os efectos de compostos químicos nas células, permitindo predicir de maneira temperá os efectos terapéuticos e tóxicos dos candidatos a fármacos. Discutíronse os principios básicos, vantaxes e exemplos de aplicación, así como os retos e perspectivas futuras desta técnica na investigación farmacéutica.
Así mesmo, o grupo de investigadores de IKERDATA-UPV/EHU centrou a súa intervención en modelos avanzados de predición aplicados ao desenvolvemento de fármacos. Estes modelos permiten predicir a entrega de fármacos a través de nanosistemas, avaliar a súa seguridade e eficacia, e predicir a actividade dos fármacos en diferentes rexións do cerebro, crucial para tratamentos neurolóxicos precisos. Ademais, expuxeron modelos para o deseño de antibióticos personalizados e o descubrimento de fármacos antiparasitarios, destacando o papel crucial dos modelos preditivos e a intelixencia artificial na investigación farmacéutica moderna.
O XII Workshop Internacional de IA aspira a converterse nunha plataforma de gran valor para o intercambio de coñecementos e a xeración de novas ideas no eido da bioinformática e a Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración internacional e o avance na investigación biomédica.

PUBLICIDADE