O CITIC e o CSIC alíanse para impulsar a IA na investigación de exoplanetas e estrelas

venres, 21 de febreiro do 2025 S. P.

Eduardo Mosqueira, Carlos Dafonte, Manuel Penedo e Minia Manteiga

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña vén de xuntar forzas co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para impulsar a presenza activa da Intelixencia Artificial no estudo pormenorizado dos exoplanetas e das estrelas. A investigadora do CITIC e presidenta da Sociedade Española de Astronomía, Minia Manteiga, será a responsábel de dirixir a unidade asociada de I+D+i ao CSIC a través do seu Instituto de Astrofísica de Andalucía. Segundo sinala o centro coruñés, “o gran reto tecnolóxico que supón o descubrimento de exoplanetas e o desenvolvemento de novos métodos para a súa detección e análise é unha das áreas fronteira na astrofísica actual”.
Esta colaboración arredor da IA materializarase a través da unidade AIRExS: Artificial Intelligence for Research on Exoplanets and Stars da Universidade da Coruña, á que se acaba de conceder a condición de unidade asociada de I+D+i do CSIC por un período de tres anos. Trátase dunha colaboración estratéxica que reforza a capacidade investigadora da UDC ao integrarse coa rede de excelencia científica do CSIC. “Esta colaboración permitirá compartir recursos, infraestruturas e talento, impulsando proxectos conxuntos en áreas prioritarias de investigación”, explicaron fontes da UDC.
Como dixemos, a científica do CITIC Minia Manteiga liderará esta unidade, na que tamén participarán outros investigadores do centro de Investigación TIC da UDC como José Carlos Dafonte, Manuel González Penedo e Eduardo Mosqueira, así como persoal de apoio investigador. Por parte do IAA a responsable será a astrofísica de orixe galega Cristina Rodríguez López.
A colaboración entre o CITIC e o CSIC impulsará o avance de técnicas avanzadas de Intelixencia Artificial, como o concepto de Aprendizaxe Máquina (Machine Learning), para mellorar a detección e a análise de exoplanetas. “Isto”, sinalaron, “permitirá unha maior precisión ao analizar os sinais débiles das eclipses planetarias e facilitará o reexame de grandes bases de datos de misións como Kepler ou Cheops mediante algoritmos tanto supervisados como non supervisados”.
A experiencia do CITIC no manexo dos datos da misión Gaia, xunto co coñecemento astrofísico do IAA-CSIC, permitirá mellorar a identificación e caracterización das estrelas que dan orixe aos sistemas planetarios.
Este acordo tamén fortalecerá a proxección internacional do CITIC e a UDC, consolidándoos como referentes no uso de IA aplicada á astrofísica. Así, investigadores novos terán a oportunidade de participar en proxectos internacionais da ESA e a NASA, traballando en equipos prestixiosos e altamente internacionalizados. Ademais, estudantes e profesionais da UDC terán a posibilidade de obter formación práctica e desenvolver as súas carreiras nunha contorna interdisciplinaria e global. Así o sinala Minia Manteiga, quen afirma que “a colaboración co CSIC é unha excelente oportunidade para que o noso grupo de investigación participe en proxectos internacionais enfocados na detección de exoplanetas, tanto desde a Terra como desde o Espazo. Ademais, contribuirá a que os graduados da UDC en Enxeñería Informática, Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial poidan desenvolver proxectos multidisciplinares de investigación en equipos de alto nivel, cun destacado grao de internacionalización”.
O CITIC da Universidade da Coruña destaca polo seu estudo na investigación astrofísica a través da súa colaboración cos consorcios internacionais das misións Gaia e Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA). O equipo liderado polo Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial, ten unha posición de liderado na clasificación e censo de estrelas da Vía Láctea utilizando técnicas baseadas na IA. A súa participación en Euclid enfócase á análise dos datos infravermellos obtidos polo instrumento NISP-SPEC de Euclid, co obxectivo de diferenciar galaxias doutros obxectos estelares.
A través do desenvolvemento de algoritmos avanzados de IA, contribúese de xeito significativo á caracterización de estrelas frías e obxectos subestelares, como ananas marróns e exoplanetas, ampliando así o coñecemento sobre a Vía Láctea e o universo. O seu labor compleméntase co traballo realizado por outros equipos, consolidando á institución como un referente na investigación espacial e na análise de grandes volumes de datos astronómicos.