O CITIC e o CiTIUS participan nun evento empresarial galego-portugués impulsado por CBA

martes, 29 de xuño do 2021 S. P.

Este 1 de xullo, da man de Cologistics Business Accelerator (CBA) e contando coa participación dos centros galegos CITIC e o CiTIUS, vaise celebrar un evento corporativo, transformador e tecnolóxico baixo o seguinte epígrafe: 14 empresas galegas buscan proxectos para cubrir as súas necesidades en tecnoloxías dixitais.
O obxectivo deste evento é acelerar proxectos de emprendemento que acheguen solucións innovadoras aos retos expostos relacionados coa función loxística e de cadea de subministro das empresas tractoras que forman parte de CBA. No encontro participará o responsábel de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC, Manuel Bustabad, xunto co director científico do CiTIUS, Senén Barro, e a subdirectora da oficina Galicia Emprende do IGAPE, Fany Suárez.
Segundo informa o CITIC, CBA é unha aceleradora de empresas estruturada en dúas convocatorias, unha en Galicia e outra en norte de Portugal. Os proxectos que opten a participar na aceleradora poderán presentar a súa candidatura en calquera das dúas convocatorias con independencia da súa orixe, Galicia ou o norte do Portugal. Con esta iniciativa impulsada por socios de ámbalas beiras da raia preténdese acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado.

PUBLICIDADE