O CITIC e o GII organizan un relatorio con Roy Saurabh, experto en ética da IA e asesor da UNESCO
mércores, 2 de abril do 2025
O CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e o Grupo Integrado de Enxeñería (GII) van organizar o vindeiro 10 de abril un relatorio impartido por Roy Saurabh, experto en ética da IA e asesor da UNESCO, que falará sobre a Integración da aprendizaxe federada con marcos de gobernanza de datos para a análise colaborativa e seguro de datos sensíbeis. A conferencia, en inglés, será como dixemos este 10 de abril, xoves, ás 12.00h. na Sala Cloud do centro. O relator porá o foco nas tecnoloxías que garantan estritas medidas de seguridade, privacidade e gobernanza ético no ámbito dos datos sensíbeis, como por exemplo os que involucran a poboación vulnerábeis como os menores de idade.
O eixe temático da súa intervención será a aprendizaxe federada (colaborativa), un tipo de aprendizaxe automática que permite a varias institucións traballar xuntas para adestrar modelos de IA sen necesidade de compartir os datos orixinais. Así, no canto de enviar a información a un único lugar, cada institución adestra o modelo cos seus propios datos e só comparte os resultados da aprendizaxe. Isto axuda a protexer a privacidade e manter os datos no seu lugar de orixe, cumprindo coas normas de seguridade e gobernanza mentres se aproveita o coñecemento colectivo, adiantan dende o CITIC, engadindo que a conferencia de Roy Saurabh examinará os desafíos e os posíbeis enfoques que permiten a integración da aprendizaxe federada con mecanismos crave de gobernanza de datos, como a privacidade diferencial e a computación multi-partita segura, para reforzar a protección de datos e o cumprimento normativo.
O CITIC engade que os achados demostran o potencial da aprendizaxe federada para facilitar a toma de decisións baseada en datos en contornas sensíbeis, promovendo a confianza, a colaboración e a xestión ética de datos.
Roy Saurabh é asesor sénior da UNESCO e investigador na interacción persoa-ordenador (HCI), as ciencias da aprendizaxe e a ética da IA. O seu ámbito de actuación aborda a transformación dos sistemas educativos e sanitarios mediante a ciencia cidadá, as tecnoloxías que melloran a privacidade (PET) e as arquitecturas de aprendizaxe federada.
Roy Saurabh traballa tamén no deseño de solucións confiábeis de avaliación da IA, impulsando a transformación dos sistemas educativos, a monitoraxe da saúde mental e as políticas dixitais. As súas contribucións integran a investigación académica coa aplicación práctica, influíndo nos marcos de gobernanza internacional e promovendo innovacións dixitais equitativas.