O CITIC e o grupo Jean Monnet da UDC preparan un seminario de Big Data e IA

mércores, 4 de outubro do 2023 S. P.

Será o martes 10 de outubro ás 11:30h cando teña lugar na Coruña, na sede do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) a xornada Cualificacións e Habilidades na IA e a Dixitalización Avanzada. Trátase dun foro debate exposto co obxectivo de expoñer como o Big Data (análise da información a gran escala) e a Intelixencia Artificial (IA) poden optimizar o mercado laboral. A través destas ferramentas pódense anticipar novas tendencias, paliando posíbeis desaxustes e facilitando o emparellamento entre demanda e oferta nos mercados laborais.
Fabio Manca, coordinador de Big Data da Dirección de Emprego e Asuntos Sociais da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) impartirá a conferencia The demand for Skills in online labor markets: Towards a Big Data approach and new tools for detecting skills shortages and improving matching. Falará de como o Big Data pode aproveitar a información que achegan as ofertas de traballo en liña, empregando as propias palabras chave das habilidades requiridas para o posto concreto, así como a información escrita sobre o mesmo. Estes datos poden usarse para realizar estatísticas que axuden a detectar e analizar os cambios de habilidades e cualificacións solicitados no mercado laboral.
Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia presentará o proxecto A iniciativa de Emprego Intelixente (EMI). Esta ferramenta baseada en Intelixencia Artificial é capaz de sincronizar oferta e demanda en tempo real. Permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de xeito simultáneo no Servizo de Emprego e noutros portais de traballo, de balde, para chegar ao maior número de candidatos.
Tras as conferencias convidadas comezará o foro de debate. Nel participarán Fabio Manca, Zeltia Lado, Antonio R. del Corral, presidente da Agrupación industrial TIC de Galicia, Fernando Vázquez, director executivo de Imatia, e un membro do departamento de Xestión de Talento do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Para asistir ao foro debate é obrigatorio inscribirse antes do luns 9 de outubro ás 14h.

Programa
- 11:30h. Recepción e café.
- 11:45h. Apertura e presentación: Representación Institucional da UDC, D. Manuel G. Penedo (Director do CITIC) e D. J. Andrés Faíña (Grupo GCD).
- 12h. Conferencia convidada: The demand for Skills in online labor markets: Towards a Big Data approach and new tools for detecting skills shortages and improving matching. Prof. Fabio Manca, Coordinador Big Data, Dirección de Emprego e Asuntos Sociais, OCDE.
- 12:25h. Proxecto convidado: A iniciativa de Emprego Intelixente (EMI). Dna. Zeltia Lado, Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Xunta de Galician.
- 12:45h. Foro de debate.
Mesa de oradores e expertos convidados: Fabio Manca, Zeltia Lado, Antonio Rodríguez del Corral (Clúster TIC), Fernando Vázquez (Imatia) e un convidado do departamento de Xestión de Talento do Instituto Tecnolóxico Galicia.
Intervencións por parte de grupos de investigación do CITIC e outros axentes relevantes do ecosistema galego.
Preguntas e respostas.
- 14h. Fin e peche do evento

PUBLICIDADE