O CITIC impulsa a V edición de Talentos Inclusivos para innovar desde as aulas cara á inclusión
venres, 29 de novembro do 2024
O programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, celebrou este 29 de novembro no Museo Domus da Coruña o acto de apertura da súa quinta edición.
O CITIC explicou que Talentos Inclusivos é o seu signo de identidade que se trata dun proxecto que aposta pola inclusión social e que conta con numerosos recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o recente galardón obtido no certame internacional Ciencia en Acción. Este programa responde ao compromiso do centro coruñés de apostar por proxectos cun claro compoñente social, que fomenten a integración das persoas con discapacidade, sensibilizando á sociedade e fomentando unha ciencia ao servizo da comunidade.
O programa, que conta co apoio institucional do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a FECYT e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Política Social e Igualdade, ten como obxectivo fomentar as vocacións científicas entre o alumnado galego e dar visibilidade á diversidade funcional.
Nesta nova edición, 15 centros educativos de secundaria, bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia traballarán en retos detectados por entidades colaboradoras do terceiro sector, como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella a través do seu centro de Formación da Coruña (esta última entidade incorpórase nesta edición focalizada no colectivo das persoas maiores”.
Entre os retos asumidos en anos anteriores destacan sistemas de accesibilidade en fogares e contornas de traballo, xogos adaptados e dispositivos para o lecer como o Simón di; modificación de produtos de apoio creados mediante impresión 3D como adaptadores de mandos para videoconsolas ou soportes para bicicletas; e dispositivos tecnolóxicos innovadores como ventiladores holográficos ou pechaduras electrónicas.
Consolidación do proxecto
Manuel G. Penedo, director do CITIC, destacou na apertura que “Talentos Inclusivos é un dos principais proxectos do CITIC e un exemplo de colaboración entre institucións educativas, científicas e sociais. Estamos orgullosos de seguir promovendo a ciencia inclusiva e de ampliar o impacto deste programa por toda Galicia” e salientou “os numerosos recoñecementos que ten obtido, consolidándose como un referente en iniciativas de inclusión e accesibilidade. A súa expansión e evolución son testemuña do compromiso por mellorar a vida das persoas con discapacidade e fomentar a súa participación activa na sociedade”.
Ademais, Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do proxecto, subliñou a importancia de combinar a tecnoloxía con fins sociais: “O alumnado ten a oportunidade de aplicar as TIC para mellorar a vida de persoas reais, o que lles dá unha perspectiva práctica e ética do uso da tecnoloxía”.
O acto contou coa intervención de representantes das entidades promotoras, así como de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña. Ademais, usuarios e usuarias de ASPACE Coruña, persoal investigador do CITIC e representantes dos centros educativos participantes compartiron as súas experiencias en edicións anteriores.