O CITIC mostra o seu modelo enerxético sustentábel aos participantes no Encontro Solar

xoves, 21 de xuño do 2018 Redacción

Hoxe, coincidindo co solsticio do verán (o día en que se celebra o Día do Sol no hemisferio norte), celebrouse no Campus de Elviña (o estacionamento do Centro Xoana Capdeviellle) unha nova edición, a sexta, do Encontro Solar que organizan a Universidade da Coruña e a Fundación Alcoa. Na xuntanza volveu colaborar o Centro de Investigación TIC, o CITIC, que mostrou a súa aposta polas fontes renovábeis, e fíxoo literalmente, convidando aos participantes no encontro a comprobar in situ o seu compromiso co sustentábel (o CITIC abastécese da enerxía subministrada polo sol a través das placas fotovoltaicas emprazadas na súa cuberta).
O obxectivo do Encontro Solar foi fomentar o uso desta enerxía limpa e inesgotábel, festexando cun xantar colectivo no que se xuntan preto dun cento de cociñas solares.
Como lembraremos, o CITIC ten unha firme política ambiental baseada na eficiencia enerxética “Queremos agradecer á organización e participantes todo o apoio ao evento, co obxectivo común de implantar a enerxía solar na vida diaria e fomentar o seu uso”, explicou recentemente o centro de novas tecnoloxías.
Volvendo ao Encontro Solar, sinalar que se trata dunha actividade a cabalo entre o científico, o medioambiental e o lúdico, no que se demostran as utilidades da luz natural para facer cousas como cociñar ou mesmo facer música. Segundo os organizadores, trátase dunha oportunidade inmellorábel para amosar diferentes, innovadores e sorprendentes aproveitamentos da enerxía solar.

PUBLICIDADE