O CITIC mostra os seus proxectos avanzados perante estudantes de Sada

xoves, 28 de marzo do 2019 Redacción

Esta semana, varios grupos de alumnas e alumnos do Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón de Sada (o martes mozas e mozos de cuarto da ESO e o mércores estudantes de terceiro) visitaron as dependencias do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. O alumnado, amais, tivo a oportunidade de coñecer de primeira o equipo humano e tecnolóxico do CITEEC e máis do CICA (o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil e máis o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas).
No CITIC, o subdirector do centro, Javier Pereira, recibiunos e ofreceu unha pequena presentación sobre o traballo despregado polo centro, moi centrado nos ámbitos na Ciencia dos Datos (cousas como a análise de información a gran escala, o chamado Big Data), a IA (a Intelixencia Artificial) ou a computación de altas prestacións.
Máis tarde, as investigadoras Paula Fraga, Lucía Ramos e Óscar Blanco mostráronlles os detalles do proxecto colaborativo Concordance, orientado á prevención de colisións para UAV (vehículos aéreos non tripulados polas súas siglas en inglés) utilizando técnicas de Deep Learning (aprendizaxe profunda) e sensórica optimizada. Ademais, tamén fixeron unha demostración de voo do dron que crearon para o proxecto.
Por outra banda, os investigadores Alberto Alvarellos e Ignacio Fraga presentaron o proxecto colaborativo Treboada, no que se utilizan técnicas de predición de precipitacións mediante sensores de baixo custo e aprendizaxe máquina (Machine Learning). A idea foi que os asistentes puideran coñecer o funcionamento dun sensor de predición de precipitacións na cuberta do CITIC.

PUBLICIDADE