O CITIC mostrou en CESUGA a súa contribución aos xogos accesíbeis

martes, 26 de novembro do 2024 S. P.

O pasado 21 de novembro persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participou na formación Xogos serios e o seu impacto transformador. A sesión contou coa asistencia de estudantes de 1º e 2º ano do Ciclo Superior en Animacións 3D, Xogos e Contornas Interactivos de CESUGA (Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia).
Os investigadores Paula de Santos Dorrego, Jorge Rivadulla Brey e Iago Fernández Garrido compartiron a súa experiencia e coñecemento no desenvolvemento de videoxogos accesíbeis e adaptados para o seu uso terapéutico e de lecer por parte de persoas con diversidade funcional.
A xornada organizouse en dúas sesións, unha primeira parte de exposición teórica dos proxectos realizados e unha sesión interactiva onde o alumnado puido experimentar de primeira man cos diferentes xogos desenvolvidos, así como coas adaptacións correspondentes.
Ademais, durante o evento, os estudantes puideron coñecer de primeira man algún dos retos desenvolvidos nas diferentes edicións de Talentos Inclusivos, como o licornio realizado polo alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal-Zalaeta.