O CITIC, no comité organizador do gran evento da tempada en materia de Machine Learning

martes, 19 de setembro do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é unha das entidades impulsoras da segunda edición do Machine Learning Workshop Galicia, organizado polo centro CiTIUS en Santiago de Compostela co obxectivo de tender unha ponte de referencia entre a industria e a comunidade investigadora arredor da intelixencia artificial e, dentro desta, do ámbito de todos aqueles recursos e tecnoloxías que fan posíbel que as máquinas entendan, aprendan e tiren conclusións. A cita será o 19 de outubro e nela, o CITIC participará como membro do comité organizador.
Segundo nos lembra o centro da Universidade da Coruña, durante o evento mostraranse proxectos, resultados e experiencias das universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia asociados ao uso do Machine Learning (ML). O obxectivo é “identificar as posibilidades destas tecnoloxías nos sectores referentes de Galicia, as necesidades de infraestruturas de computación e as posíbeis sinerxías”.
Como dixemos, o desenvolvemento do encontro virá da man do CiTIUS, apoiándose nunha equipa organizadora integrada polo CITIC, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o centro AtlantTIC da Universidade de Vigo. Tamén se contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, o Clúster TIC de Galicia e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC – R2016/045. Polo que respecta ao comité científico do evento, estará integrado, entre outros, por Ricardo Cao, investigador do CITIC da área de Ciencia de Datos e Información.
Segundo recorda o centro da Universidade da Coruña ao fío dos temas principais que se van tratar no evento, o emprego das tecnoloxías Machine Learning (ML) é hoxe en día un dos principais eidos de investigación do noso tecido innovador, público, privado e semi-público, logo de terse consolidado xa como fonte dunha ampla gama de aplicacións. Aplicacións como por exemplo sistemas de procura, ferramentas de análise de textos e de análises de redes sociais, sistemas de recoñecemento de obxectos e facianas, recursos para o procesado do ADN, ferramentas para o recoñecemento da fala, para a analítica de datos médicos, para a mellora e optimización dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica para intelixencia de negocio, etc...
“Con todo e malia todos os beneficios do ML para a sociedade e para industria”, sinala o CITIC, “o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades”.

PUBLICIDADE