O CITIC participa nunha nova xornada do proxecto europeo de tecnoloxía accesíbel Design2Freedom
xoves, 3 de outubro do 2024
O compromiso coa inclusión social e a accesibilidade son as bases polas que se rexe o proxecto europeo Design to Freedom (D2F), detrás do cal atopamos ao CITIC da Universidade da Coruña (UDC), á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) e a outros socios europeos.
Así, o 19 e 20 de setembro, as investigadoras do CITIC da UDC María del Carmen Miranda Duro e Betania Groba González, participaban nunha xornada de traballo celebrada na cidade eslovaca de Košice, organizada en conxunto coa Universidad Técnica de Košice (TUKE) e outros colaboradores europeos: A finalidade deste encontro foi a de promover boas prácticas en modelos centrados na persoa e explorar novas solucións tecnolóxicas para a inclusión das persoas con discapacidade en contornas educativas e sociais.
Indo á xornada, dicir que comezou coa presentación das entidades participantes, as cales dispuñían de 10 minutos para presentar a súa iniciativa, seguidos dun breve espazo para preguntas.
A UDC organizou un hackaton, que buscou involucrar aos participantes nunha dinámica innovadora para crear solucións inclusivas. Durante a xornada, os asistentes traballaron en equipos nun “mini-hackaton”, o que permitiu unha mellor comprensión das instrucións e conceptos presentados.
Logo dunha pausa, TUKE achegou unha demostración das súas tecnoloxías de apoio para a accesibilidade, salientando os avances e recursos dispoñíbeis para facilitar a inclusión. As persoas asistentes participaron nun percorrido polo campus de TUKE para coñecer de preto as súas instalacións accesíbeis, apreciando a importancia de crear contornas educativas inclusivas.
Asemade, realizouse unha visita á Slovak Union of the Blind and Visually Impaired, na que os participantes puideron coñecer os servizos e apoios que brinda esta entidade, reforzando o compromiso do proxecto Design2Freedom coa discapacidade.
O segundo día da reunión centrouse nos resultados do hackaton, no que os equipos presentaron as súas propostas ante un xurado liderado pola UDC. As ideas innovadoras expostas abriron o camiño para o desenvolvemento de solucións que faciliten a vida cotiá das persoas con discapacidade.
A xornada continuou coa sesión liderada por COCEMFE e a UDC, onde se discutiron a estrutura e as temáticas da vindeira fase do proxecto, denominada LTT2, que se celebrará en A Coruña en decembro. Tamén se estableceron os roles de cada socio e determináronse as ferramentas comúns para o procedemento e a avaliación.
Para rematar, dicir que o proxecto Design2Freedom, financiado polo Programa Erasmus Plus e co-financiado pola Comisión Europea, segue adiante cara o seu obxectivo de promover a autonomía das persoas con discapacidade mediante a implementación de tecnoloxías de apoio e a creación de contornas accesíbeis.