O CITIC organiza en setembro a primeira edición do Congreso XoveTIC
mércores, 8 de agosto do 2018
Á
volta do verán, o Centro de Investigación TIC da Coruña (o CITIC)
vai organizar a primeira edición dun evento que quere abrir portas
ao talento da nosa mocidade. Trátase do primeiro Congreso XoveTIC,
que se celebra os días 27 e 28 de setembro. XoveTIC oriéntase a
investigadoras e investigadores novos (predoutorais e
postdoutorais), que presentarán comunicacións orais ou pósteres
das súas propostas ou contribucións coa finalidade de potenciar a
colaboración entre universidade e grupos de investigación. O
obxectivo tamén é “construír un espazo de encontro para o debate
científico e contribuír á súa formación”.
Segundo
salienta a organización do evento, cuxa inscrición é de balde,
trátase “dunha oportunidade ideal para compartir investigacións
nun ambiente colaborativo e distendido”. Quen queira recadar máis
datos sobre o congreso, pode facelo na
web específica habilitada polo CITIC. A xuntanza terá lugar na
propia sede do centro de investigación, no Campus de Elviña da Coruña.
O
programa inclúe, entre outras moitas actividades, conferencias
plenarias a cargo de Petia Radeva e Antonio Bahamonde, comunicacións
orais dos novos investigadores, xantar de networking,
obradoiros de 5G e ciberseguridade e exposicións de pósters.