O CITIC organiza unha conferencia do profesor Paulo Cortez, referente europeo en IA

mércores, 2 de xullo do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña organiza o vindeiro luns, 7 de xullo, unha conferencia do profesor Paulo Cortez, catedrático da Universidade do Minho e, segundo lembra o CITIC, unha das voces máis recoñecidas no ámbito da IA aplicada. A charla leva por título Artificial Intelligence for Predictive and Prescriptive Analytics: Methods and Applications e terá lugar ás 12:00 horas na Sala Cloud do CITIC.
O acto enmárcase na aposta do centro TIC por fomentar o intercambio de coñecemento científico e a colaboración con centros de investigación de referencia internacional. A asistencia poderá realizarse de forma presencial ou en liña, mediante inscrición previa.
O profesor Paulo Cortez foi recentemente distinguido coa mención Portuguese Excellence Professor of Artificial Intelligence 2025, outorgada pola Fundación Ramón Areces, en recoñecemento á súa traxectoria investigadora.
Hoxe exerce como catedrático no Departamento de Sistemas de Información da Universidade do Minho e como subdirector do centro de investigación ALGORITMI, onde desenvolve o seu traballo en áreas como analítica de negocios, sistemas de apoio á decisión, redes neuronais, algoritmos evolutivos e ciencia de datos.
Ao remate da sesión, o CITIC ofrecerá ás persoas asistentes a posibilidade de manter reunións individuais co profesor Cortez, co obxectivo de explorar vías de colaboración e dar a coñecer as liñas de investigación en Intelixencia Artificial e ciencia de datos que se están a desenvolver na Universidade da Coruña.
A charla será impartida en inglés e está aberta a toda a comunidade investigadora e profesional interesada nas aplicacións da intelixencia artificial na analítica preditiva e prescritiva.