O CITIC organiza unha xuntanza de expertos en comunicacións sen fíos

luns, 8 de xullo do 2013 Redacción

Mañá dará comezo no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) a reunión de traballo do grupo de expertos IST ET-068 LTE vs WiMAX for military applications promovida pola axencia Research and Technology Organization (RTO), organismo dependente da OTAN que se encarga de promover o intercambio científico entre os países membros. Nela participarán varios investigadores da área de Comunicacións Sen Fíos do Centro, encabezados por Luís Castedo, investigador principal desta liña de investigación.
O obxectivo do grupo de expertos é realizar un estudo técnico sobre a viabilidade de tecnoloxías sen fíos de cuarta xeración (4G) por exemplo LTE ou WiMAX, para proporcionar conectividade de banda ancha en escenarios tácticos. A reunión é continuación doutra xa celebrada en Parides en novembro de 2012 e prevese que o grupo de expertos faga públicas as conclusións do seu estudo ao longo de 2013.

Participación internacional

Neste encontro, que se prolongará ata o día 10 de xullo, asistirán expertos de diferentes empresas internacionais como Communication Research Centre (Canadá), Havelsan (Turquía) e Indra Sistemas S.A. (España), ademais de Centros de Investigación europeos como Fraunhofer (Alemaña). Deste xeito o CITIC vai consolidando a súa rede de colaboradores internacionais, referendada na súa participación en diferentes convocatorias de investigación europeas.
Para Luis Castedo, investigador principal da área de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, este tipo de encontros e reunións de traballo “son de grande importancia para un Centro como o CITIC, non só polos temas que se abordan, tamén pola magnitude dos asistentes. Acoller e participar nunha iniciativa destas características dá unha gran proxección aos traballos que estamos desenvolvendo, situándonos entre os Centros de maior prestixio a nivel internacional polas nosas capacidades”.

PUBLICIDADE