O CITIC participa na G-Night con accións que aproximen o ámbito científico-tecnolóxico á sociedade
venres, 30 de setembro do 2022
O
CITIC
(o Centro de Investigación TIC da Coruña) participará un ano máis
na G-Night, a Noite Europea das Persoas Investigadoras, que se
celebra este venres 30 de setembro. No CITIC realizarase unha visita
divulgativa polas instalacións do centro, con énfase no Demostrador
Tecnolóxico e no Laboratorio de Realidade Virtual e Localización,
onde os/as asistentes poderán probar diferentes desenvolvementos de
realidade virtual, realidade aumentada, robótica, etc.
Ademais
da visita polas instalacións do centro emprazado no Campus de
Elviña, desenvolveranse outras dúas actividades coordinadas por
persoal investigador do centro no MUNCYT Coruña. O sábado ás 10:30
h será a quenda dun obradoiro sobre circuítos eléctricos no que
nenos e nenas de 8 a 12 anos poderán aprender conceptos básicos de
electrónica e crearán circuítos eléctricos para acender lámpadas,
facer funcionar unha radio e un xogo. A actividade está desenvolvida
por Adriana Dapena, Paula M. Castro, Daniel I. Iglesia e Óscar
Fresnedo.
Pola
súa banda, Laura Nieto e Patricia Concheiro organizan o sábado a
partir das 12:00 h unha charla-taller sobre tecnoloxías dixitais
para persoas maiores, centrándose en como potenciar un
envellecemento activo e saudábel. A actividade, segundo explica o
CITIC, está dirixida a persoas maiores que estean interesadas no uso
da tecnoloxía, así como a familiares, coidadores/as, etc “que
queiran coñecer as ferramentas e recomendacións para achegar a
tecnoloxía á poboación maior dunha maneira satisfactoria”.
A
G-Night é un evento de divulgación científica que se celebra de
xeito simultáneo en toda Europa o último venres de setembro, no que
o persoal investigador é o protagonista, amosando a diversidade da
ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto na vida cidadá.
En
Galicia, a actividade está coordinada pola Universidade de Vigo, coa
implicación das tres universidades galegas e diferentes centros e
institutos de investigación, etc. Na UDC, coordina a Unidade de
Divulgación Científica, e contribúen todos os centros de
investigación e os campus de especialización (Innova,
Sustentabilidade e Industrial).