O CITIC participa nun pioneiro estudo para a detección temperá de riscos en Internet

martes, 10 de outubro do 2017 Redacción

Javier Parapar, investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), e os investigadores David E. Losada, da Universidade de Santiago, e Fabio Crestani, da Universidade de Lugano, veñen de iniciar unha pioneira liña de investigación denominada “eRISK” que se centra no desenvolvemento de novos algoritmos de detección temperá de riscos en Internet. Segundo informa o CITIC, até o de agora o estudos na devandita liña estiveron na súa maioría enfocados ao achado de riscos pero en fases máis avanzadas, e non en alertas de cedo. A este respecto, o centro da Universidade da Coruña salienta o estudo realizado polo IA Lab da Universidade de Arizona co obxectivo de detectar o recrutamento de xente nova para organizacións terroristas. Segundo explica o CITIC, este equipo desenvolveu unha infraestrutura de investigación chamada “Dark Web” que está dispoñíbel para os investigadores das ciencias sociais, informáticos e analistas de seguridade.
Porén, os estudos realizados en detección temperá até este intre careceron de alicerces experimentais sistemáticos, polo que foi difícil comparar e reproducir experimentos con algoritmos de predición que se puidesen executar con bos resultados en situacións diferentes. Esta barreira tentouse superar coas investigacións desenvolvidas en eRISk.
Está demostrado que as palabras que usan as persoas, tendo en conta un período de tempo ou unha secuencia de acontecementos, poden revelar aspectos importantes dos seus mundos sociais e psicolóxicos. Existen probas substanciais que vencellan a linguaxe natural con flutuacións de personalidade, sociais e situacionais. Isto é de especial interese para entender o inicio dunha situación de risco e como se reflicte na linguaxe empregada polos individuos.
As investigacións desenvolvidas en eRISK centráronse no estudo de dous tipos de prognóstico de perigosidade de cedo, con múltiples actores e cun só actor, centrando o foco no estilo lingüístico dos individuos involucrados.
No caso de múltiples actores estudáronse as situacións nas que existe un actor externo que causa o problema. Por exemplo, os delincuentes sexuais, que adoitan usar determinadas tácticas para contactar con nenos vulnerábeis ao abuso sexual.
Na categoría dun só actor analizáronse casos nos que non hai un causante externo que desencadee o problema, senón que o risco provén “de maneira exclusiva” do individuo, como pode ser o padecemento dunha depresión. Para este tipo de risco dun só actor, a evidencia viría en forma dunha secuencia cronolóxica de entradas escritas por un suxeito atormentado.
As conclusións deste interesante proxecto de investigación veñen de ser presentadas nun dos eventos de referencia internacional na materia como é a Conference and Labs of the Evaluation Forum (CLEF 2017) que se celebrou do 11 ao 14 de setembro no Trinity College de Dublín.
O equipo investigador de eRISK planea repetir o estudo para o próximo ano facéndoo extensíbel a outros problemas psicolóxicos como a anorexia ou o trastorno de tensión postraumática.

PUBLICIDADE