O CITIC participa nun proxecto internacional para previr contaminantes nas augas mineromedicinais mediante IA

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

A investigadora do CITIC da UDC, Elena Hernández, membro do grupo de investigación LIDIA, participa no proxecto AquaPred (Sistema de control e prevención de contaminantes en augas mineromedicinais mediante Intelixencia Artificial), cuxa presentación tivo lugar o pasado mes de febreiro no balneario de Laias (Ourense).
Trátase dun proxecto transnacional, multidisciplinario e interdisciplinario de física, medicina, farmacia, química, bioloxía e informática, enfocado á monitoraxe e control da auga termal/mineromedicinal dos balnearios e á predición de contaminantes, baseándose na dixitalización dos datos en tempo real dos parámetros fundamentais da auga mineromedicinal e a análise continua dos devanditos datos por un sistema baseado en Intelixencia Artificial.
Coa participación de distintas entidades de España, Portugal e Francia, e liderado pola Universidade de Vigo, o grupo da UDC encargarase do desenvolvemento deste sistema intelixente mediante a aplicación de técnicas de aprendizaxe automática para obter un modelo de predición capaz de identificar cambios na calidade da auga mineromedicinal. Este modelo, explica o CITIC, “podería alertar de desviacións significativas na calidade da auga, o que sería de gran utilidade para a xestión e o mantemento da fonte de augas mineromedicinais, contribuíndo así a garantir o seu óptimo estado e seguridade para os usuarios”. O centro coruñes engade que “se trata de aplicar tecnoloxías punteiras ao control e xestión das augas mineromedicinais nos balnearios termais do espazo SUDOE, co triplo obxectivo de minimizar a posibilidade de presenza de contaminantes maximizando as propiedades medicinais das augas, incrementar a base científica sobre o comportamento das augas mineromedicinais e xerar un produto exportábel a todos os balnearios do mundo”.
O proxecto conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e está co-financiado con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) conta cun orzamento total de 1.871.530,38 euros.

PUBLICIDADE