O CITIC participou na G-Night con visitas guiadas á súa sede e obradoiros en María Pita

venres, 6 de outubro do 2023 S. P.

O pasado venres 29 de setembro celebrouse a G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, evento de divulgación científica que se celebra de forma simultánea en toda Europa no que os nosos centros científicos e tecnolóxicos tiveron especial protagonismo. Por exemplo o Centro de Investigación TIC (o CITIC) da UDC, que se sumou ás actividades cunha xornada de portas abertas dirixidas a estudantes de Secundaria e Bacharelato.
Neste caso, 19 alumnos e alumnas do IES Ortigueira, puideron gozar dunha visita guiada polas instalacións do centro probando diversos dispositivos tecnolóxicos e coñecendo as súas salas relevantes como o Demostrador Tecnolóxico, a sala de Realidade Virtual e o Laboratorio de Robótica.
Durante a tarde, os investigadores do CITIC, Thais Pousada García, Manuel Lagos Rodríguez, Patricia Concheiro Moscoso e Eva Pardo Otero, dirixiron na praza de María Pita da Coruña un obradoiro sobre tecnoloxías 3D para persoas con discapacidade. Alí presentaron produtos e tecnoloxías de apoio en 3D e de baixo custo, entre os que destacaron escenarios de Realidade Virtual e creacións que levaron a cabo a través do proxecto Talentos Inclusivos. Ademais, ás 19:20, Thais e Manuel impartiron unha breve charla sobre os escenarios de Realidade Virtual aplicados a persoas con discapacidade e sobre desenvolvementos para a plataforma Optitrack.
Ao día seguinte, durante a mañá do sábado, varios investigadores do CITIC, Paula Mª Castro Castro, Adriana Dapena Janeiro, Óscar Fresnedo Arias e Daniel I. Iglesia Iglesias ofreceron no MUNCYT un taller sobre circuítos electrónicos para mozos inventores de entre 6 e 10 anos.
Os asistentes puideron aprender conceptos básicos de electrónica e a súa aplicación para o día a día, ademais de pequenas curiosidades relacionadas co electromagnetismo.

PUBLICIDADE