O CITIC participou no Día da Ciencia na Rúa visualizando tecnoloxías con impacto social

mércores, 14 de maio do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC participou este pasado sábado, 10 de maio, nunha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, celebrada no Parque de Santa Margarita da Coruña. Durante toda a xornada, a carpa 60 converteuse nun espazo de encontro entre a ciencia, a inclusión e a cidadanía.
Pola mañá, o público puido participar nun taller de bioinformática a cargo de Lucía Martínez Rodríguez, Carlos Fernández Lozano e Diego Fernández Edreira, no que se exploraron conceptos clave desta disciplina en auxe. Tamén se presentou unha proposta de Realidade Virtual deseñada para traballar habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual, desenvolvida por Iago Fernández Garrido.
Outra das actividades que se realizou foi a demostración dun sistema adaptado para xogar ao videoxogo Mario Kart, no que o mando pode manexarse mediante movementos do tronco ou a cabeza, presentado por Paula de Santos Dorrego. Xunto a esta iniciativa, Jorge Rivadulla Brey mostrou o xogo personalizado Compra con-migo, pensado para facilitar a aprendizaxe no ámbito da discapacidade.
De forma permanente, ao longo de todo o día, os visitantes puideron interactuar con distintas demostracións como a pintura con produto de apoio para a cabeza, varios retos tecnolóxicos desenvolvidos no marco de Talentos Inclusivos (como o soprador de velas, a mesa sensorial ou un xadrez adaptado), e contidos divulgativos como pósteres sobre sensores e IA verde. Ademais, o can-robot do CITIC captou a atención de grandes e pequenos, xerando gran curiosidade.
Na quenda de tarde, a actividade continuou con propostas como as de Olga Zamaraeva, Alberto Muñoz Ortiz e Francisco Prado Valiño, coa actividade Pode unha máquina entender o humor, a ironía ou a poesía?, convidando a reflexionar sobre os límites da linguaxe e a Intelixencia Artificial. Paula Castro Castro e Adriana Dapena Janeiro ofreceron un obradoiro de circuítos e sensores, mentres que Daniel García González e Francisco Rey Vizoso presentaron unha introdución práctica á IA verde, enfocada no desenvolvemento tecnolóxico sostible.
Tamén se puido experimentar cunha aplicación de VR para a rehabilitación da man, con Andrea Caíña dos Santos, e finalizar a xornada coa experiencia inmersiva Misión Espacial Gaia, con Xabier Pérez Couto, na que, grazas a unha maqueta e lentes de VR, puidéronse explorar obxectos astronómicos estudados por esta misión da Axencia Espacial Europea.
O Día da Ciencia na Rúa está organizado por Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña, Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra EMALCSA-UDC. Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Deputación da Coruña.