O CITIC patrocinou a edición 2025 da conferencia SPLC, na que participaron 60 especialistas
luns, 8 de setembro do 2025
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolleu a semana pasada a International Software Product Line Conference (SPLC 2025), congreso mundial no que especialistas de diferentes países analizan a investigación e aplicación industrial das liñas de produto software, un enfoque crave para o desenvolvemento de sistemas complexos. Poñer en común a perspectiva da investigación e a docencia coa de fabricantes e deseñadores foi o obxectivo da cita. Contou coa asistencia de máis de 60 especialistas.
O programa do encontro, patrocinado polo CITIC, incluíu conferencias sobre diferentes áreas de actividade como a forma na que a Intelixencia Artificial pode axudar a deseñar e mellorar sistemas informáticos complexos, como optimizar o seu rendemento e como facer unha adaptación ás distintas necesidades de maneira máis sinxela. Presentáronse tamén exemplos de uso en ámbitos moi diversos, desde a agricultura intelixente ata a mercadotecnia dixital ou a automoción, mostrando o impacto que estas tecnoloxías teñen xa en sectores clave da nosa economía.
O programa científico abrangue 46 contribucións, que se distribuíron entre relatorios de investigación, casos de aplicación industrial, artigos de relevancia previamente publicados, o simposio doutoral, sesións de demostracións e ferramentas, titoriais e talleres especializados.
Onte, os participantes da International Software Product Line Conference e o reitor da UDC, Ricardo Cao, acudiron a unha recepción no Concello da Coruña, onde foron recibidos pola concelleira Nereida Canosa.
