O CITIC potencia a súa investigación no ámbito da saúde

martes, 16 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Presentación da plataforma eDSalud, impulsada polo CITIC da Coruña

O CITIC (Centro de Investigación TIC), amais de ser un referente galego e estatal na investigación e impulso de novas tecnoloxías da información, é un referente especifico en eSaúde. En palabras do centro, este interese pola atención médica e as tecnoloxías da saúde remóntase aos comezos mesmos do CITIC. Os motivos? Pois, en primeiro lugar, o CITIC menciona os beneficios directos que redundan na calidade de vida dos cidadáns. A isto hai que engadir o feito de que a eSaúde constitúa, nas súas palabras, un dos terreos máis prometedores no ámbito do I+D+i para os vindeiros anos. A continuación damos conta dalgúns destes fitos tecnolóxicos do CITIC, que veñen de culminar co proxecto eDSalud, unha revolucionaria tecnoloxía de telemedicina que rompe fronteiras e derruba atrancos no ámbito da atención e os diagnósticos en tempo real.
Ferramentas de apoio ao diagnóstico no ámbito da oftalmoloxía (proxectos Sirius e Ideas), a integración do TIC nos colectivos de persoas con diversidade funcional (proxecto InTIC), proxectos para a construción de mapas de sono para a obtención dun diagnóstico da actividade cerebral (proxectos Miasoft e Hypnogram) ou a creación dun modelo de saúde participativa en persoas maiores utilizando o TIC (proxecto GeriaTIC) foron sumando experiencia a esta liña de investigación do CITIC. eDSalud foi o último proxecto presentado neste eido. Trátase dunha innovadora plataforma de telemedicina que permitirá, no prazo de dous anos, levar a cabo diagnósticos en tempo real con especialistas internacionais relacionados con radioloxía, cardioloxía, oftalmoloxía e dermatoloxía.
O Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España apoiou o seu desenvolvemento grazas ao financiamento por valor de máis dun millón de euros, no marco do Programa Estatal de I+D+i Retos 2016, e está co-financiado con Fondos FEDER.
Unha das vantaxes que carrexará esta plataforma é “que dará cobertura a pacientes que están en zonas que non teñen acceso a grandes hospitais”, segundo nos conta Marcos Ortega, investigador principal do CITIC, engadindo que eliminará o concepto “horario”, pois ao contar con especialistas en calquera parte do mundo “sempre haberá un que estea a traballar no intre urxencia”.
A bolsa de especialistas internacionais necesaria achégaa Atrys Health, compañía especializada en servizos de diagnóstico por imaxe en liña, que lidera o proxecto, no que tamén participan outros actores do sector tecnolóxico á parte do CITIC, como o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e a compañía VITEL, S.A.
O diferencial de eDSalud, aloxado na nube, é a incorporación de ferramentas de software (algoritmos e machine learning) para apoiar aos médicos na precisión dos seus diagnósticos, ademais de facilitar a colaboración entre especialistas e as segundas opinións clínicas.
O feito de colaborar con Atrys Health neste proxecto propiciou que o CITIC se incorporara á Asociación Saúde Dixital (ASD), converténdose no único centro de I+D+i que é socio corporativo da entidade. “Un centro tecnolóxico en TIC con actividade intensiva en tecnoloxías relacionadas coa Saúde, como é o CITIC, pode achegar coñecemento, estrutura e profesionais altamente cualificados”, comenta Víctor G. Rumayor, director de I+D+i de Atrys Health e membro da xunta directiva da asociación, que ten como obxectivo prioritario achegar coñecemento na prevención e promoción da saúde, facendo un uso exhaustivo dos avances da tecnoloxía e a súa cada vez maior accesibilidade, obxectivo que encaixa coa misión do CITIC neste campo.
Dentro da asociación atópanse empresas de renome internacional, como DKV, InterSystems e Indra, feito que permitirá ao CITIC establecer contacto con todo tipo de profesionais que están a innovar no ámbito do TIC e a saúde, propiciando a posibilidade de compartir ideas, proxectos e experiencias.
Unha das primeiras accións levadas a cabo como socio corporativo da ASD foi a presentación do CITIC na iniciativa ELAN Network celebrada en Costa Rica. ELAN Network é un programa europeo que apoia e diversifica a presenza económica de Europa en Latinoamérica e a demanda de coñecemento e tecnoloxía innovadora europea por parte de Latinoamérica.
Enmarcada no seu relatorio TIC e Big Data como eixo transversal de desenvolvemento de proxectos conxuntos, Lorena Muñoz, vogal da xunta directiva da asociación, encargouse da presentación, e salientou a importancia de asistir a este tipo de eventos xa que “o obxectivo é tender pontes entre centros europeos e latinoamericanos e sentar os alicerces para configurar proxectos de investigación internacionais en ámbitos tan interesantes como o Big Data aplicado a saúde”.
Proxectos e asociacións como estas marcan a aposta continua do CITIC na súa liña estratéxica no eido do medicamento.

PUBLICIDADE