O CITIC presenta as súas contribucións ao plan estatal de biotecnoloxía e saúde PCBAS

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

Santiago de Compostela acolleu o venres 28 de xuño a presentación do plan de traballo en Galicia do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS), unha iniciativa do Ministerio de Ciencia en colaboración con sete comunidades autónomas. O evento contou coa participación da investigadora Susana Ladra e do director do CITIC, Manuel Penedo, que interviñeron na mesa redonda Implementación e análise de bases de datos en medicina de precisión xunto con Ángel Carracedo, da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén interveu a investigadora do CITIC Ana López Cheda.
Este plan, coordinado en Galicia pola Fundación Kaertor, inclúe innovadores proxectos das universidades galegas e os institutos de investigación sanitaria, financiados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Galicia lidera a liña de actuación 3 sobre cribado de fármacos e análises de interaccións fármaco-diana, fundamental para o desenvolvemento de medicamentos personalizados. A xornada reuniu a destacados axentes na creación dunha colección de compostos para apoiar a medicina personalizada. Tamén estivo presente Raquel Yotti, Comisionada do PERTE para a Saúde de Vangarda, quen destacou a importancia destes plans para impulsar a investigación e a medicina de precisión en España.
Susana Ladra é a investigadora principal do proxecto DATAMICROCCR, que se engloba na segunda liña de actuación do plan e desenvólvese en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Nel desenvolveranse ferramentas bioinformáticas e algoritmos para analizar mostras e datos clínicos para o estudo da influencia do microbioma na resposta ao tratamento do cancro colorrectal. Segundo explicou a investigadora, “diversos factores de risco, como o estilo de vida ou a dieta, inflúen no microbioma, o conxunto de xenomas dos microorganismos do corpo humano, e este conxunto inflúe á súa vez no desenvolvemento e evolución de patoloxías como o cancro. A análise destes datos e, por tanto, o desenvolvemento do proxecto, facilitará descubrir que poboacións bacterianas son beneficiosas ou prexudiciais á hora de desenvolver e tratar esta enfermidade”.
A investigadora do CITIC Ana López Cheda lidera o proxecto MCSICAR, que se desenvolve en colaboración co INIBIC. O seu obxectivo é mellorar a calidade de pacientes oncolóxicos. En concreto, de persoas diagnosticadas con cancro de mama do subtipo HER2+. Os tratamentos enfocados a combater a proteína HER2 favoreceron a supervivencia deste tipo de enfermidade. Con todo, poden provocar efectos secundarios como a toxicidade cardiovascular. Este proxecto céntrase en predicir a aparición de cardiotoxicidade utilizando métodos estatísticos. Estes modelos permiten estimar a probabilidade que ten un paciente de desenvolver este efecto secundario, cal é o período de maior risco e entender que factores inflúen no seu desenvolvemento.
O Plan Complementario en Galicia ten un orzamento de 3 millóns de euros e abarca 15 proxectos en áreas como descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía e terapias avanzadas. Este programa busca incrementar o coñecemento e desenvolver novos fármacos personalizados, coordinando esforzos entre universidades e centros de investigación.

PUBLICIDADE