O CITIC proba dispositivos de Realidade Virtual para persoas con diversidades funcionais

martes, 9 de marzo do 2021 Redacción

Un equipo de investigadoras e investigadores do CITIC da Universidade da Coruña (Campus de Elviña) atópase esta tempada realizando probas de dispositivos de Realidade Virtual na sala de demostradores do centro, da man de usuarios con diversidade funcional, co obxectivo de analizar a súa aplicabilidade e experiencia de uso.
Segundo informan fontes do CITIC, analizáronse por unha banda diferentes aplicacións comerciais dispoñíbeis en plataformas como STEAM e VIVPort para seren utilizadas logo co sistema de Realidade Virtual nas instalacións do centro. “Estas probas”, explica, “teñen o obxectivo de valorar a aplicabilidade de aplicacións comerciais no proceso de rehabilitación e intervención en actividades da vida diaria dirixida a persoas con diversidade funcional”.
Por outra banda, valorouse a experiencia de usuario durante e despois do uso da aplicación.
Ademais, no marco do proxecto financiado pola convocatoria Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade 2019 (proxectos coordinados), co título Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio, tamén se están a desenvolver escenarios virtuais propios para simulación de diferentes situacións da vida cotiá. O obxectivo é “xerar diferentes opcións adaptábeis que permitan seleccionar escenarios axeitados ás características da persoa”. Isto, explica o CITIC, dará vantaxe aos profesionais de Terapia Ocupacional e Fisioterapia á hora de traballar mediante actividades cotiás nesta contorna virtual, de xeito individualizado e personalizado, que posteriormente poderá trasladarse á súa vida real.

PUBLICIDADE