O CITIC recibe a unha delegación de Huawei para avaliar vías de colaboración conxunta
xoves, 23 de maio do 2024
Unha delegación da empresa Huawei, xigante tecnolóxica chinesa, visitou esta semana a Universidade da Coruña para levar a cabo un encontro de traballo no que analizar vías de colaboración conxunta, centrándose na análise de datos e no desenvolvemento sostíbel. A estadía da delegación comezou no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, onde foron recibidos polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Tras isto, o equipo da compañía asiática trasladouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). Alí mantiveron un encontro con Javier Pereira, subdirector do CITIC; Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación, e Cristina Villar e Marta Trueba, da área de Proxectos Internacionais do centro. Pola parte investigadora do CITIC, á reunión acudiron Amparo Alonso e Luis Castedo. No CITIC celebráronse diversas reunións técnicas ao longo de toda a mañá, vinculadas a posíbeis alianzas no ámbito da aplicación de técnicas de manexo e transferencia de grandes masas de datos en distintos sectores produtivos, e da repercusión da xestión de datos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS). Ó finalizar a reunión, fixeron un percorrido polas instalacións do CITIC.