O CITIC recibe financiamento da Xunta para promover as súas capacidades en Intelixencia Artificial

martes, 29 de xuño do 2021 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC recibirá financiamento a través dunha axuda que a Xunta de Galicia acaba de conceder á Universidade da Coruña por valor de máis de 4,4 millóns de euros para reforzar os seus centros e unidades de I+D+i. Co financiamento obtido, o CITIC fortalecerá a súa capacidade investigadora nos ámbitos da Intelixencia Artificial e a analítica de datos, dous eidos nos que xa é un referente.
Concretamente, os apoios recibidas serviranlle para pór en marcha un laboratorio singular centrado en Intelixencia Artificial e analítica de datos que estará vinculado ao Centro de Procesamento de Datos (CPD) do centro. “Ambas instalacións”, sinalan fontes do CITIC, “conformarán unha das infraestruturas singulares en investigación máis relevantes de Galicia no eido da IA”. Nestas dependencias o CITIC investirá máis de 1,4 millóns de euros ao longo dos próximos dous anos.
Estas novas instalacións do CITIC terán o obxectivo de “apoiar as liñas estratéxicas do centro e crear un espazo para fomentar a investigación multidisciplinar”, ao tempo que se promove o posicionamento do centro nas áreas de saúde, a Industria 4.0 e a sustentabilidade, principamente.
Equipamento
O CITIC explica que o laboratorio estará equipado con “instrumentación e tecnoloxías únicas de recollida e sensórica de datos que permitirá a reprodución de experimentos en diferentes escenarios”. Nesta sala situarase un sistema de captura de movemento en todo o espazo con balizas portátiles; un espazo de experimentación con sistemas de Realidade Virtual Inmersiva e Realidade Aumentada; un sistema para a detección de magnitudes físicas ambientais, obxectos e persoas; sistemas de visión para supervisar obxectos en movemento; un sistema de sensórica de edificios intelixentes e sustentábeis; unha plataforma in-cloud para a xestión, automatización e control industrial con vistas ao desenvolvemento de algoritmos de Intelixencia Artificial e ciencia de datos na industria 4.0; así como diferentes investimentos en robótica.
O traballo do CITIC no eido da saúde
No ámbito da saúde, o CITIC é xa un importante referente, papel que se viu recentemente reforzado co convite ao director do centro, Manuel F. González Penedo, e ao investigador Alejandro Pazos, por parte da Fundación Profesor Novoa Santos, o INIBIC e a Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña, a coordinar dous módulos sobre I no Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes. Estes módulos formativos estarán impartidos por investigadores do CITIC.
Ademais, tamén dende o CITIC continúan desenvolvéndose proxectos de investigación en relación á COVID-19, como son CEDCOVID, enfocado ao uso da ciencia de datos para a loita contra a pandemia; o proxecto Intelixencia artificial vs. COVID-19, que aplica a IA para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos de coronavirus a partir da información obtida de probas microbiolóxicas e de imaxe radiolóxica; e o proxecto Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial, que emprega algoritmos de busca do campo da computación evolutiva para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos do SARS-CoV-2. Tamén é destacábel a participación en COVIDBENS, desenvolvido en colaboración co INIBIC, o CICA e a empresa Edar Bens para a análise da carga viral nas augas residuais na área metropolitana da Coruña.

PUBLICIDADE