O CITIC recibirá do Goberno máis dun millón de euros para desenvolver dez proxectos

martes, 8 de setembro do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC recibirá máis de un millón de euros en financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España para o desenvolvemento de dez proxectos de investigación durante os próximos anos. Así o confirmou a resolución definitiva da Axencia Estatal de Investigación, pola que se conceden axudas correspondentes á convocatoria 2019 a Proxectos de I+D+i. Grazas a isto, o CITIC captará fondos por un importe de 1.219.317 euros.
O programa está composto por dúas categorías: Retos Investigación, na que o CITIC acadou financiamento para seis proxectos, e Xeración de coñecemento, pola que o Ministerio outorgou catro proxectos ao centro coruñés. Ademais, coa axuda obtida, serán financiados catro contratos predoutorais asociados a catro proxectos de investigación.
Segundo se explica na convocatoria, a modalidade Retos investigación está orientada á resolución de problemas ligados aos oito grandes retos da sociedade incluídos no Plan Estatal de I+D+i 2017-2020. Pola súa banda, os proxectos do programa Xeración de coñecemento están motivados pola “curiosidade científica” e teñen como obxectivo primordial “o avance do coñecemento, con independencia do horizonte temporal e do ámbito de aplicación do mesmo”.
Os proxectos do CITIC que obtiveron financiamento, e os seus investigadores principais correspondentes, son os seguintes: Aprendizaxe Automático Escalable e Explicable (Amparo Alonso Betanzos); Estudo das combinacións léxicas nun corpus académico de noveles para unha Ferramenta de Axuda á Redacción de Textos Académicos (Margarita Alonso Ramos); Detección temperá de intrusións e anomalías en redes definidas por software (Víctor Manuel Carneiro Díaz); Análise de estratexias para incorporar humanos ao proceso de aprendizaxe automático e a súa aplicación á investigación do cancro pancreático (Eduardo Mosqueira Rey); Avances en codificación e procesado de sinal para a sociedade dixital (Luis Castedo Ribas); Cuantificación e caracterización computacional de imaxe multimodal oftalmolóxica: estudos en esclerose múltiple (Manuel F. González Penedo); Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio (Thais Pousada García); Visualización e exploración baseada en fluxos e analítica de Big Data espacial (Miguel Ángel Rodríguez Luaces); Desafíos Actuais en HPC: Arquitecturas, Software e Aplicacións (Juan Touriño Domínguez); e Métodos matemáticos e computacionais para novos retos en finanzas cuantitativas, medio ambiente, biotecnoloxía e enxeñaría (Carlos Vázquez Cendón).

PUBLICIDADE