O CITIC recibiu a visita de alumnado do IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao
mércores, 8 de febreiro do 2023
A semana pasada, o xoves 2 de febreiro, a sede do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) recibiu a visita dun grupo de 13 estudantes de Bacharelato e dous profesores do IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao (Lugo).
A sesión comezou no Demostrador Tecnolóxico, onde o responsábel da unidade de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, mostroulles os diferentes ámbitos de aplicación das investigacións realizadas no centro, principalmente nos ámbitos de robótica.
Posteriormente, os estudantes puideron coñecer o CPD (Centro de Procesado de Datos) do CITIC e o laboratorio de Realidade Virtual e Localización, neste último realizouse unha demostración de localización en interiores e dun sistema de captura de movemento baseado en cámaras.
A visita finalizou cunha demostración de contornas de Realidade Virtual destinados á rehabilitación de persoas con discapacidade.