O CITIC recibiu a visita de estudantes de universidades mexicanas

xoves, 20 de xuño do 2019 Redacción

A sede no Campus de Elviña do CITIC (Centro de Investigación TIC) recibiu este martes 18 a visita dun grupo de alumnas e alumnos de diferentes universidades mexicanas, procedentes de diversos estudos superiores (Enxeñaría Mecatrónica, Enxeñaría Informática e Enxeñaría Biomédica) e participantes do Programa Delfín, unha iniciativa creada por entidades mexicanas de educación superior co obxectivo de fomentar a formación avanzada e contribuír ao desenvolvemento, poñendo o foco nos estudos e carreiras ligadas ao concepto STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Amais, os estudantes que visitaron o CITIC están a traballar nun proxecto de investigación que conta co asesoramento do investigador do CITIC Alejandro Pazos e que se desenvolve ao abeiro dunha estadía académica de sete semanas na Universidade da Coruña.
Na visita, o subdirector do CITIC, Javier Pereira, achegoulles o traballo desenvolvido no centro da UDC e as liñas de actuación do mesmo. Despois, o grupo dirixiuse ao edificio de ampliación do CITIC, onde se atopa o Centro de Procesamento de Datos (CPD), onde o resposábel da unidade de sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, explicoulles o seu funcionamento.
A visita finalizou na sala Show Room, onde se lles mostrou o sistema de seguimento e monitoraxe dunha unidade de coidados críticos no ámbito médico e outros demostradores de tecnoloxía desenvolvida no centro, tales como o eBack, que permite corrixir a posición en repouso da columna vertebral. Os rapaces tamén puideron coñecer o funcionamento de Robobo, deseñado por MINT, spin-off da UDC, creada por investigadores do CITIC do grupo GII. Robobo foi concibido para achegar robots educativos de baixo custo ao ámbito educativo.

PUBLICIDADE