O CITIC reconstrúe 10 millóns de anos de historia do cometa interestelar 3I/ATLAS

martes, 23 de setembro do 2025 S. P.

Un equipo internacional liderado polo investigador do CITIC da UDC Xabier Pérez Couto foi quen de reconstruír a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS. O traballo, dispoñible no repositorio aberto arXiv e enviado para publicación á revista científica The Astrophysical Journal, mostra a traxectoria seguida por este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea.
Dende o CITIC, lembran que o 3I/ATLAS foi descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS (Asteroid Terrestrial-impact Last Alert System) en Chile. Trátase do terceiro obxecto interestelar rexistrado, tras 1I/’Oumuamua (2017) e 2I/Borisov (2019).
“O que fai único a 3I/ATLAS é que nos permite estudar a evolución de obxectos que veñen doutros sistemas estelares, algo que ata o de agora só viramos na teoría. Cada observación é como abrir unha xanela ao pasado do Universo”, explica Xabier Pérez Couto, investigador do CITIC e líder do equipo.
Entre as súas características máis destacadas atópase a súa elevada actividade cometaria (indicativa dunha gran riqueza en xeo) e a súa alta velocidade, duns 58 km/s (máis de 200.000 km/h), “o que o converte nun visitante rápido, pero extremadamente valioso para a investigación”, sinala o investigador, engadindo que grazas aos datos de precisión da misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), o equipo de traballo calculou tanto a órbita de 3I/ATLAS como a de máis de 13 millóns de estrelas, co obxectivo de identificar posibles encontros próximos entre estas e o cometa. Atopáronse 93 posibles interaccións, 62 delas cun alto grao de confianza. Porén, debido á elevada velocidade do cometa, os investigadores concluíron que ningunha destas estrelas foi capaz de desviar de maneira significativa a súa traxectoria.
Os resultados apuntan a que 3I/ATLAS é un obxecto extraordinariamente antigo, cunha idade próxima aos 10.000 millóns de anos. “Isto convérteo nunha auténtica cápsula do tempo cósmica, que conserva información sobre a formación e evolución dos primeiros sistemas planetarios que se formaron no Universo”, sinalan dende o equipo de investigación, engadindo que “pese a que non se logrou identificar a súa estrela de orixe, e é probable que nunca se consiga, os datos indican que provén do mesmo contorno dinámico que gran parte da materia do disco delgado da nosa galaxia”.
O estudo subliña “a dificultade de rastrexar a procedencia de obxectos interestelares individuais”. Porén o equipo destaca que, a medida que aumente o número de achados deste tipo “será posible identificar tendencias químicas e dinámicas a escala galáctica, achegando claves únicas sobre como os planetas e cometas se forman e se dispersan polo Cosmos”.