O CITIC reivindica a biomedicina computacional como ferramenta para reposicionar fármacos
martes, 16 de decembro do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este martes 16 de decembro a xornada técnica da Segunda Conferencia do proxecto europeo RePo-SUDOE, liderado na UDC polo investigador Carlos Fernández Lozano. Trátase dun encontro que puxo o foco no papel da biomedicina computacional e as tecnoloxías dixitais na procura de novas aplicacións terapéuticas para fármacos xa existentes.
A sesión, celebrada tras a clausura da conferencia principal, reuniu no CITIC a persoal investigador e profesionais do ámbito biomédico e tecnolóxico procedentes de universidades, centros de investigación e entidades do ecosistema biofarmacéutico.
O obxectivo foi “profundar nos traballos máis técnicos do proxecto e mostrar, de forma aplicada, como as infraestruturas e capacidades do centro contribúen ao reposicionamiento de fármacos, especialmente fronte a retos como a resistencia a medicamentos”.
Ao longo da xornada presentáronse investigacións baseadas en caracterización biofísica de interaccións proteína-proteína, análise de molecular docking e simulacións computacionais orientadas á oncoloxía e a identificación de novos inhibidores fronte a resistencias antibióticas. Estas aproximacións complementáronse co uso de contornas virtuais de investigación e ferramentas de realidade virtual inmersiva para a visualización de interaccións ligando-proteína e dinámicas moleculares, unha das liñas nas que o CITIC achega un maior valor diferencial.
O programa incluíu ademais unha demostración profesional de realidade virtual aplicada á investigación biomédica e unha visita ás instalacións do CITIC, que permitiu aos asistentes coñecer de primeira man as infraestruturas tecnolóxicas e as liñas de traballo do centro en ámbitos como a computación avanzada, a intelixencia artificial e a análise de datos biomédicos.
O encontro serviu, ademais, para estreitar a colaboración entre investigadores computacionais e experimentais, un elemento clave para acelerar o reposicionamiento de fármacos e avanzar cara a terapias máis eficientes e sostibles.
A 2ª Conferencia RePo-SUDOE, celebrada os días 15 e 16 de decembro na Coruña, reuniu a máis dun centenar de profesionais do espazo SUDOE (España, Francia e Portugal), consolidándose como un foro de referencia para a análise científica, tecnolóxica e regulamentaria do reposicionamiento de fármacos.
