O CITIC reúnese con emprendedores do programa Node Hub para apoiar proxectos tecnolóxicos

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollía onte, martes 17 de setembro, a un grupo de emprendedores nunha xuntanza organizada pola Rede de Centros e Unidades I+D+i da UDC (REDCIDI). A reunión, dirixida por Javier Garrido (responsábel de Transferencia do CITIC) ten como finalidade afondar no xeito no que o CITIC pode colaborar con estes emprendedores no desenvolvemento dos seus proxectos tecnolóxicos e empresariais.
Nesta xornada, os emprendedores realizaron unha visita ás instalacións do CITIC, para coñecer a infraestrutura tecnolóxica e os recursos dispoñíbeis que poden impulsar o crecemento das súas ideas de negocio.
A este encontro asistiron tamén Lorena Alonso Alconada e Diego Cabaleiro Martínez, en representación da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), e Emilio Corral, membro da REDCIDI, quen subliñou a importancia da cooperación entre institucións e emprendedores para fomentar a innovación e o desenvolvemento económico.
Entre os proxectos presentados polos emprendedores, salientan iniciativas innovadoras en eidos diversos como a educación, a saúde, IA ou a atención a persoas maiores. Unha plataforma de formación de inglés encamiñada a profesionais, un proxecto de contos máxicos interactivos, un sistema de aprovisionamento de mercadoría para buques, o deseño dunha aplicación móbil para abordar a deterioración cognitiva a través da etnobotánica ou unha plataforma para crear camisetas interactivas son algunhas das iniciativas presentadas.
Estes proxectos forman parte do programa NodeHub da aceleradora Startups.st, que busca impulsar ideas empresariais cun alto compoñente tecnolóxico e dixital. O CITIC, como referente en investigación e desenvolvemento no ámbito TIC, posiciónase como un socio estratéxico para estes emprendedores, ofrecéndolles a súa experiencia en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.
Por último, sinalar que esta xuntanza significa un paso importante para fortalecer o ecosistema emprendedor e potenciar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre o ámbito académico e o empresarial.