O CITIC seleccionará catro novos investigadores postdoutorais

luns, 27 de marzo do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) vén de iniciar un proceso de selección para contratar a catro investigadores postdoutorais, do ámbito estatal ou internacional e co nexo común de atesouraren carreiras científicas consolidadas. Con esta convocatoria, que se suma á das oito prazas que reflectimos os días pasados dende Código Cero, o centro TIC da Coruña quere “afianzar a súa proxección internacional e impulsar a transferencia tecnolóxica cara ao sector produtivo e a sociedade”. O obxectivo fundamental: captar enxeño e potenciar ao máximo a capacidade científica e tecnolóxica do CITIC. De feito, esta convocatoria insírese de pleno na aposta do Centro pola “consolidación do talento excelente”. Os investigadores a contratar serán chamados a potenciar un total de nove liñas de investigación do CITIC.
Con esta convocatoria, en palabras do Centro, “quérese consolidar o coñecemento científico avanzado e excelente das Áreas Tecnolóxicas do CITIC, mellorar a profesionalización, aumentar a capacidade de transferencia tecnolóxica cara ao tecido social e proxectar o traballo de investigación desenvolvido no Centro cara ao ámbito internacional”.
Como dixemos, esta nova iniciativa de captación de talento súmase á convocatoria de contratación de oito investigadores predoutorais anunciada a mediados de mes. En total, polo tanto, incorporaranse 12 perfís para potenciar o esforzo científico que na actualidade realízase no CITIC, o que suporá, en palabras do Centro, “unha inxección de motivación para abordar novos proxectos de I+D+i”.
O prazo para a recepción de solicitudes ficará aberto até o vindeiro 3 de abril. Entre os requirimentos que deben reunir os candidatos atópase o feito de estaren en posesión do título de doutoras/es nalgún dos eidos técnicos relacionados coas 9 liñas de investigación, tendo defendido e aprobado cadansúas teses despois de xaneiro de 2012. Ademais os candidatos deberán contar con polo menos 6 meses de estadías internacionais en centros de I+D distintos ao da tese doutoral, agás que cursasen de maneira íntegra e obtido o título de doutor nunha universidade estranxeira.
Todos aqueles interesados deberán encher o formulario electrónico de solicitude dispoñíbel na web do CITIC, citic-research.org, e enviar a documentación requirida na convocatoria ao enderezo de correo electrónico citic@citic-research.org.
Esta acción enmárcase dentro das axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Entre os organismos distinguidos como Centros Singulares de Investigación, no período 2016-2019, salienta o recoñecemento outorgado ao CITIC da Universidade da Coruña (UDC), por ser o único centro galego TIC que o recibe.
Pódese consultar toda a información desta convocatoria a través da web do CITIC.
As 9 liñas de investigación seleccionadas polo Centro son:
1. Arquitectura de Computadores e Computación de Altas Prestacións
2. 5G radio interface techniques
3. Information Retrieval & Recommender Systems
4. Medical Image Processing and Analysis
5. Estatística e Investigación Operativa
6. Técnicas e metodoloxías de seguridade en redes de comunicacións utilizando ferramentas de análise masiva de información para a detección de intrusións e outros tipos de ataque.
7. Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas.
8. Aprendizaxe computacional.
9. Investigación en técnicas de Intelixencia Artificial aplicadas ao sector produtivo: Medicamento e Enxeñaría Civil.

PUBLICIDADE