O CITIC traballa nun innovador modelo de vixilancia en interiores con drons autónomos

martes, 11 de abril do 2017 Redacción

Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), en consorcio coas empresas Prosegur, Avansig, EGATEL, Aeromedia e o Centro Tecnolóxico Gradiant, veñen de desenvolver un innovador modelo de vídeo vixilancia en interiores mediante o emprego de drons autónomos baseados en visión artificial 3D. O proxecto SINDA (Sistema de Seguridade en Interiores con Drons Autónomos), financiado ao abeiro da convocatoria Innterconecta 2015, baséase nun novo modelo de vixilancia, evolución dos servizos tradicionais de domótica e vídeo vixilancia.
O dito mecanismo emprega drons con capacidade para realizar roldas de vixilancia desatendidas no interior dos edificios e será o primeiro introducido no mercado con esta innovadora funcionalidade. Até a data, todas as solucións desenvolvidas baseáronse na aplicación de drons para uso en exteriores.
O dron, de xeito autónomo, parte dunha base de carga que lle achega enerxía abonda para os seus voos e roldas de vixilancia. Durante esta actividade, grava, transmite e procesa vídeo en tempo real e mediante técnicas de visión artificial é capaz de detectar atrancos e responder fronte a eles.
Carlos Escudero e Adriana Dapena investigadores da área Tecnolóxica de Computación, Sensórica e Comunicacións achegan innovación ao proxecto dende dúas das liñas de investigación do CITIC. Carlos Escudero é o responsábel dunha das liñas, o sistema de posicionamento, que substitúe a ausencia do GPS en sitios onde non hai cobertura e/ou este non proporciona precisión abonda, quen salienta: “Un dron que poida funcionar de maneira autónoma mesmo en interiores, será unha ferramenta fundamental para moitas das aplicacións que as empresas xa están a comezar a demandar”.
A outra liña de investigación neste proxecto, liderada por Adriana Dapena, é a relacionada co streaming en tempo real. “O traballo desenvolvido -argumenta Dapena- permitirá ao usuario utilizar calquera dispositivo (móbil, tableta, etc.) para observar o que está a ocorrer en calquera punto da zona a controlar”.
O proxecto está apoiado polos máis de corenta anos de experiencia no sector da seguridade de Prosegur, empresa líder e impulsora desta idea. Prosegur achega avances tecnolóxicos do ámbito da seguridade e favorece a aplicación práctica dos sistemas desenvolvidos. Para José M. Caride, director de tecnoloxía e solucións integrais de seguridade en Prosegur, “a incorporación de distintos avances tecnolóxicos e a súa combinación cos profesionais mellor cualificados do sector dan como resultado un proxecto punteiro e innovador no sector, sen renunciar aos maiores niveis de seguridade para os nosos clientes”.
Se falamos do software que dota de intelixencia aos drons (posicionamento, navegación e control do dron) e da integración dos diferentes desenvolvementos do proxecto, a responsábel é a empresa galega Avansig, impulsora do proxecto conxuntamente con Prosegur. David Trillo, o seu firector executivo, subliña: “Grazas a SINDA, as empresas e centros tecnolóxicos involucrados (Avansig, Prosegur, EGATEL, Aeromedia, CITIC e Gradiant) situámonos á vangarda no segmento do Micro AV intelixentes (...) acadando un nivel de madurez da tecnoloxía que nos empraza entre os líderes do sector do mercado a nivel mundial”.
Todos os axentes implicados no proxecto coinciden en que a vixilancia baseada en drons está aquí para ficar, xa que a capacidade que teñen de desprazamento autónomo permite observar o que acontece en calquera punto, chegando moito máis alá dos sistemas baseados en cámaras fixas.
As tecnoloxías desenvolvidas para dar resposta a retos como a localización de interiores, visión artificial, sistemas eficientes de transmisión de vídeo, carga autónoma converteranse na base de moitas investigacións. De feito, a tecnoloxía que o CITIC está a desenvolver, e achegando ao proxecto SINDA, xa se está comezando a incorporar a outros proxectos en eidos tan diversos como a robótica, a industria 4.0 ou a loxística.

PUBLICIDADE