O CPDI da Cidade da Cultura entrará en funcionamento no verán

martes, 28 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Beatriz González e Adrián Lence acompañaron á Mar Pereira na súa visita ás instalacións do futuro CPDI

O acondicionamento do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Xunta de Galicia entra na recta final co obxectivo de comezar a integrar todas as súas plataformas tecnolóxicas da este verán, tal e como explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a visita ás instalacións do CPDI, na Cidade da Cultura, nas que estivo acompañada pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións da Secretaría Xeral de Modernización, Adrián Lence.
A responsable de Modernización explicou que “o Centro de Proceso de Datos é unha plataforma tecnolóxica de altas prestacións para impulsar a innovación tecnolóxica en todos os ámbitos da administración, e polo tanto, nos servizos públicos galegos”. Esta infraestrutura chave para conseguir unha administración eficiente permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade.

Mar Pereira explicou aos medios de comunicación durante a súa visita as vantaxes de contar co novo CPDI

Na actual fase de execución do proxecto comezaranse a realizar as probas de funcionamento das instalacións, un proceso fundamental para garantir a futura prestación dos servizos dixitais desde o CPDI. Neste sentido, Mar Pereira, explicou que o Centro ten que cumprir uns requirimentos técnicos moi rigorosos acordes coa complexidade técnica do proxecto e que garantan a seguridade e a dispoñibilidade dos servizos aos cidadáns durante o proceso de traslado de preto dos 2.000 servidores e case 3.000 aplicacións que se centralizarán no CPDI.
Esta infraestrutura considerada coma o corazón dixital de Galicia comezará a integrar este verán funcións dos 80 CPD, dos cales o 90% carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. Este proceso consolidarase nun período de dous anos.

Optimización de custos

A posta en marcha do CPDI acadará importantes aforros pola unificación de todos os servizos nunha mesma infraestrutura tecnolóxica. Estímase unha redución do 50% do custo enerxético por metro cadrado e dun 27% do gasto anual da factura eléctrica dos CPD actuais. Tamén reducirá un 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento do mesmo. Todo isto sumado á reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro anual de 3 millóns de euros. Así, unha vez consolidada a infraestrutura, amortizarase os seu custo en menos de dous anos.

1,9 petabytes de almacenamento

As instalacións do CPDI permitirán a instalación de servidores cunha capacidade de almacenamento inicial de 1,9 Pb

O CPDI custodiará todo o arquivo dixital de Galicia, é dicir, toda a documentación que xera a Administración autonómica: procedementos xudiciais, contidos educativos, expedientes administrativos, DOG dixital, historias clínicas, receitas electrónicas … Para xestionar toda esta información e garantir á seguridade e a dispoñibilidade dos servizos o Centro conta cunha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes.
O Centro de Proceso de Datos dará servizo a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia e a outras entidades públicas como as deputacións provinciais, os concellos e as universidades. En cifras, tradúcese na prestación de servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia, e a a máis de 90.000 empregados públicos.

Adrián Lence explicou aos medios a distribución dos distintos elementos que conforman as instalacións do futuro CPDI

1.600 m2 de instalacións equipadas e seguras

A superficie construída do Centro, situado no soto do Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura, é de 1.600 m2 construídos, nos que se sitúan as salas de servidores, comunicacións, hosting, ademais das salas técnicas de cadros eléctricos e sistemas de alimentación ininterrompida, de operación do CPD, de montaxe de equipos, de copias de respaldo, almacén, a sala de operadores externos de telecomunicacións, a área de refrixeración e subministro de emerxencia (grupo electróxeno) e a sala dos centros de transformación, instalacións que puideron verse durante a visita que hoxe fixo a secretaria xeral mentres Adrián Lence, daba boa conta ao resto de visitantes do que xa estaba instalado e do que figurará en cada estancia cando comece o funcionamento dos múltiples servizos que a Administración achegará dende alí.
Para garantir a seguridade do CPDI e a dispoñibilidade de servizo o centro está dotado con varios sistemas que garanten a continuidade do subministro eléctrico en caso de avaría. Por iso conta con dúas subestacións eléctricas independentes, con sistemas de alimentación ininterrompida que permiten manter o subministro no caso de que este falle, e un grupo electróxeno cunha autonomía de 24 horas que se pode prolongar o tempo necesario enchendo o depósito de combustible cada 24 horas.
Outro aspecto de vital importancia para o correcto funcionamento do CPDI é a refrixeración, para manter os servidores e equipos de almacenamento a unha temperatura adecuada, polo que contan cun sistema de climatización que se encargan de arrefriar a sala de servidores, e outros equipos alternativos que, en caso de fallo deste sistema, entran en funcionamento de xeito automático para manter nas mesmas condicións de temperatura.
A nivel de telecomunicacións, o Centro tamén está completamente preparado para ter conectividade incluso no caso de caídas de varias liñas, cun dobre circuíto e canalizacións e mesmo varios operadores de telecomunicacións dando servizo.

O CPDI conta con medidas de extinción de incendios para garantir a seguridade dos servizos da Administración autonómica

Como medidas de protección adicionais todo o equipamento está monitorizado para control preventivo e xestión de toda a instalación e mellora da eficiencia enerxética. Todas as salas teñen sistemas de detección e extinción de incendios, e unha estrutura construída con materiais resistentes ao lume e á auga, ademais dun control por videocámaras e un sistema acceso restrinxido só para persoal autorizado.
Esta impresionante infraestrutura avanza así cara á súa posta en servizo o vindeiro verán, cando estea rematada a actual fase de acondicionamento, o que será só o principio dun ambicioso proxecto de migración que dará prioridade á prestación ininterrompida dos servizos a trasladar, de aí que ata dentro de 2 anos non vaia estar o CPDI a funcionar a pleno rendemento, garantindo tamén a capacidade de ampliación que permita adaptar os sistemas ás necesidades que vaian xurdindo nas vindeiras décadas.


Declaracións de Mar Pereira tras a súa visita ás instalacións do futuro CPDI da Cidade da Cultura


Vídeo no que detállase a distribución dos distintos elementos das instalacións do novo CPDI

O CPDI está instalado no soto do Edificio de Servizos Centrais
A refrixeración do CPDI contribuirá ao bo funcionamento dos servidores que alí se instalen
O subministro eléctrico das instalacións é redundante e está apoiado por un grupo electróxeno
As instalacións gozarán de conectividade redundante e de alta velocidade, como corresponde a unha infraestrutura tan crítica como esta

PUBLICIDADE