O CPEIG e a Xunta comezan a formación dos obradoiros de robótica que acollerán os hospitais galegos

martes, 26 de novembro do 2024 S. P.

Achegar a tecnoloxía e a robótica aos hospitais galegos, achegando unha experiencia educativa e motivadora aos nenos hospitalizados é a finalidade que persegue a xornada de formación que levou a cabo o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en Santiago.
Dicir que este encontro reuniu a uns 15 voluntarios procedentes de empresas tecnolóxicas como Bahía Software, H3C, Telefónica, HPE, Balidea, NTT Data, Minsait e DXC, así como a colexiados e colexiadas do CPEIG.
Nesta xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o material robótico que se empregará nas actividades, así como formarse no enfoque pedagóxico do proxecto.
A formación foi impartida polo CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), liderada polo seu subdirector, Javier Pereira, que presentou polo miúdo os elementos robóticos que protagonizarán os obradoiros, xunto con varios membros do grupo TALIONIS do citado centro.
Os voluntarios e voluntarias puideron traballar directamente cos materiais e resolver dúbidas de cara aos futuros talleres. Aínda que a sesión está gravada en vídeo e estará dispoñíbel para todas as persoas voluntarias, xunto cun manual de apoio para futuras incorporacións, a implicación presencial das e dos asistentes foi esencial para consolidar os coñecementos e garantir un desenvolvemento óptimo destas actividades.
Sinalar que este proxecto, que comezará antes de finalizar o ano, desenvolverase nas sete áreas hospitalarias de Galicia. A iniciativa xa tivo actividades previas, entre as que salienta unha xornada celebrada no mes de xullo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o subdirector de TI da entidade autonómica, Benigno Rosón.