O CPEIG premia a Andrés Xavier García-Rodeja

mércores, 31 de maio do 2017 Redacción

Andrés Xavier García-Rodeja Fraga (Santiago de Compostela, 1977), na actualidade director do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology en Galicia, resultou gañador do Premio Traxectoria Profesional do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Andrés Xavier García-Rodeja é colexiado desta entidade profesional desde a creación da mesma, hai dez anos. Recollerá o premio no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 16 de xuño en Compostela, da man do CPEIG e na compaña de empresarios e profesionais TIC da nosa terra, persoas colexiadas e representantes das administracións.
Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña, especialidade en Computación e Recuperación da Información; máster en Aprendizaxe Estatístico e Data Mining e máster en Dirección de Empresas TIC, Andrés García-Rodeja é desde a súa creación o director do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology en Galicia.
O CEIN naceu en xullo de 2016 a raíz da firma dun convenio entre Hewlett Packard Enterprise, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Xunta de Galicia, e está emprazado na Cidade da Cultura. Actualmente pertence á nova compañía DXC Technology, e conta cun equipo de 50 profesionais especializados en Big Data, Analytics, Data Science e Business Intelligence que participan en proxectos para clientes a nivel nacional e internacional. O CEIN tamén ofrece a titulados universitarios asesoramento especializado a través do seu programa Observatorio Tecnolóxico DXC, desenvolvido conxuntamente coa USC e considerado como un importante paso para o desenvolvemento da análise da información a gran escala (Big Data Analytics) en Galicia.
O premiado foi con anterioridade xerente de desenvolvemento da unidade de Big Data e Analytics de Hewlett Packard Enterprise para España e Portugal, onde dirixiu un equipo de máis de 100 profesionais. Desde o inicio da súa traxectoria profesional, no ano 2000, traballou na compañía Hewlett Packard como consultor, xerente de proxectos e responsábel de metodoloxías de desenvolvemento nos ámbitos de intelixencia nos negocios e a análise da información a gran escala, prestando servizos que permitisen aos seus clientes xestionar os seus datos, analizalos e transformalos en coñecemento e accións de valor.
Principais proxectos dirixidos ao longo da súa traxectoria:
· Dirección do desenvolvemento de É-Saúde, a ferramenta do SERGAS de comunicación coa cidadanía, accesíbel desde calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil, tableta...) que permite o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados.
· Dirección do desenvolvemento, evolución, mantemento, soporte e operación do Almacén de Información Analítica do SERGAS entre 2006 e 2014. Este sistema fornece ferramentas e mecanismos de acceso á información para a toma de decisións a cidadáns, profesionais, xestores e directivos en ámbitos funcionais como prestación farmacéutica, hospitalización, cirurxía, etc.
· Dirección do desenvolvemento, implantación e evolución da Receita Electrónica do SERGAS entre 2008 e 2014. Cun nivel de implantación do 99,28% na actualidade, a dita Receita Electrónica foi premiada o pasado mes de abril polo Foro de Médicos de Atención Primaria como a receita electrónica máis estendida e accesíbel do Sistema Nacional de Saúde.
· Dirección do desenvolvemento e evolución do Sistema de Información Analítica (SIAN) do CIXTEC entre 2010 e 2014. Este sistema está orientado a dar resposta ás necesidades de información da organización en áreas funcionais que inclúen orzamentos, contabilidade, tesourería, facturación e recursos humanos.
Outros méritos destacados:
· Membro do Consello Empresarial do CITIUS.
· Membro da Comisión Asesora Externa para a definición do plan de estudos do Máster en Big Data da Universidade de Santiago de Compostela
· Seleccionado no programa de altos potenciais HP ES Iberia High Potential Program (HiPo) para o desenvolvemento de talento directivo en 2014-15. Obtivo o recoñecemento ao Proxecto máis innovador polo caso de negocio Analíticas para a redución da taxa de abandono e a mellora da rendibilidade de cliente en entidades financeiras.
Como formador, impartiu e imparte clases en distintos másteres universitarios.

PUBLICIDADE