O Campus de Ferrol promove unha microcredencial sobre o uso da IA aplicada ao empresarial
martes, 3 de marzo do 2026
Ser máis eficaz, reducir custos e tomar decisións baseadas en datos son aspectos que poden beneficiar moito a unha empresa e na actualidade isto pode acadarse mediante tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA). Seguindo esta liña xorde a microcredencial IA Aplicada ao Control e Mellora de Procesos de Produción e Loxística, que promoven os profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pertencentes ao Departamento de Empresa: Javier Pernas, Rosa Ríos e Diego Crespo. Engadir que ambos os tres son membros do Grupo Integrado de Enxeñaría e persoal adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Tamén impartirán docencia neste curso, a directora da Área de Intraloxística e Operacións en Instra Ingenieros SL, Eva Fariña, e o Advisor de POSSIBLE Incorporated e profesor da Universidade de Vigo (UVigo), Javier Martínez.
Indo ao miolo, a microcredencial, de 30 horas de duración, está orientada ao uso práctico de modelos de optimización, de simulación e de análise de datos, traballando con casos inspirados en contornas reais de produción e de loxística. As sesións teóricas impartiranse en liña e as clases prácticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), situado no Campus da Coruña, ao longo do mes de abril.
Deste xeito, na primeira semana, o alumnado participante afondará nas tecnoloxías actuais de optimización e de simulación, así como no uso dos xemelgos dixitais aplicados á produción. Durante a súa segunda semana de formación, traballarase con ferramentas para a optimización de inventarios e botarán man da IA xenerativa como apoio na planificación e no desenvolvemento de modelos. Na terceira semana adquirirase coñecementos clave no eido da loxística e da análise operativa. Para pechar o ciclo, na cuarta e última semana de aprendizaxe achegaranse ao eido da automatización e ao do control dixital.
Informar que a formación está dirixida a aquelas pequenas e medianas empresas (Pemes) que queiran incorporar a IA aplicada a procesos, a aquelas persoas responsables dos departamentos de operacións ou aos e ás profesionais da xestión de inventarios, da área de loxística ou mesmo da de distribución que queiran mellorar tanto a súa competitividade como a súa capacidade analítica.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 15 de marzo. Ao estar financiada polo Plan de Microcréditos do Ministerio de Universidades, o prezo da microcredencial é de 85 euros. Ofértanse un total de 20 prazas.
