O Campus de Ourense acolle a gravación da webserie Destapando Casares

martes, 25 de xuño do 2019 Redacción

O Campus de Ourense está a acoller a gravación dunha webserie de intriga que reflicte o poder que poden achegar adquirir certos usuarios das redes sociais cando manexan información privada sobre as persoas. Estamos a falar de Destapando Casares, que se filma no edificio Xurídico-Empresarial do Campus e que está enmarcada na celebración do Taller Celanova Plató de Ficción (Curso de Medios Audiovisuais de Celanova da programación de extensión universitaria do Campus de Ourense). A obra consiste nunha ficción transmedia: alén da webserie en si mesma, tamén hai un blog, podcasts e presenzas propias en Instagram e en Tinder.
Á fronte da coordinación do obradoiro e da webserie atópase o profesor do campus pontevedrés Paulino Pérez. Amais, Destapando Casares conta co patrocinio das vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, a Área de Normalización Lingüística, AGADIC, a Deputación de Ourense, a Fundación Carlos Casares, Gmprovideo e o Festival de Cine Internacional de Ourense.
Destapando Casares, sinala o profesor Paulino Pérez, “é un proxecto que naceu coa intención de combinar a produción dunha curtametraxe co mundo das redes sociais e plataformas dixitais”. Así, detalla, a serie constará de cinco episodios duns cinco minutos cada un, que serán emitidos ao mesmo tempo a través das diferentes plataformas.
En Instagram, apunta Paulino Pérez, “cada un dos personaxes terá un perfil e empregaremos os stories para subir material inédito da rodaxe, así como pequenas entrevistas aos actores interpretando o seu personaxe ou respondendo a preguntas sobre o episodio”.
En Tinder os personaxes principais terán un perfil como se realmente a estivesen utilizando para atopar amigos ou parella. “A intención é que o público atope os nomes e fotos dos actores e vexa ao abrir o perfil que se trata dunha serie online”, afirma o profesor.
O proxecto ten como protagonistas a tres estudantes e un profesor que toman a iniciativa de investigar, antes de que remate o curso, o que está a acontecer cunha conta de Instagram e cales son os segredos do campus que ameaza revelar.
O guión da serie e contidos web desenvolvéronse nos últimos catro meses. Na gravación participan 16 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual do Campus de Pontevedra.

PUBLICIDADE