O Campus de Ourense celebrará a súa LAN Party entre o 3 e o 6 de maio

martes, 10 de abril do 2018 Redacción

JPEG - 190.4 KB
Imaxe da pasada edición da LAN Party ourensá

A programación da cuarta edición da Ourense ICC Week, que organiza a Deputación de Ourense, xa está pechada e entre os eventos que inclúe está unha nova edición do encontro informático que cada ano se celebra no campus, e que nesta ocasión leva leva o nome de ICC Technium R Encounter, estará acompañada por unha actividade que xirará arredor da competición de videoxogos e deportes electrónicos chamada ICC eSports.
A ICC Technium R Encounter, organizada pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Vicerreitoría do campus, desenvolverase desde o día 3 até o día 6 de maio no pavillón de deportes universitario. Contará con catro grandes torneos de League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl e entregará 4.000 euros en premios de torneos ou noutras actividades lúdicas dentro da quedada. A entrada ten un custo de 25 euros que inclúe unha inscrición gratuíta aos torneos e acceso a todo o recinto e ás actividades. Tanto o rexistro como a inscrición poden realizarse a través da web do evento.
O ICC eSports tamén se celebrará no pavillón do campus de Ourense desde o día 5 de maio ás 10:00 horas ata o día 6 de maio ás 15:00 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán FIFA 18, Clash Royale e GT Sports, podendo participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter. O torneo de Clash Royale dividirase en varias modalidades, sendo unha delas un torneo profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel estatal, como Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics, e no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, terá como premios para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo un mando de PlayStation 4, e para o terceiro unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro clasificado.

PUBLICIDADE