O Carballo Interplay achegará 1.500 euros ao mellor proxecto de webserie en galego

mércores, 26 de abril do 2017 Redacción

A nova edición do Festival Carballo Interplay, a cuarta, quere ser máis que nunca un acubillo e unha palestra de webseries galegas. Para impulsar este obxectivo convocouse novamente o premio do Carballo Interplay ao mellor proxecto de webserie en galego, entre outras categorías de galardóns. Este recoñecemento a propostas audiovisuais da nosa terra está dotado con 1.500 euros, que serán destinados á gravación dos primeiros tres capítulos. En palabras da directora do certame, Sonia Díaz, este premio “converte o festival nun verxel no que agroman webseries galegas”. Na sección, por certo, compiten tres comedias e un drama. Como lembraremos, o ano pasado impuxéronse nesta categoría os Porco Bravú con Peter Brandon, comedia dramática que ten a data de estrea fixada para o venres 5 de maio ás 22.30 horas no auditorio de Carballo.
Sen dúbida a estrea de Peter Brandon será un dos pratos fortes do festival carballés. Trátase, segundo informa a organización do festival, dun falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios, acompañando estas vivencias cunha ollada satírica ao sector audiovisual galego. Conta coa participación de Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre outras/os, e algunhas das súas principais referencias son as series de Louis CK ou Ricky Gervais.
Un día antes desta estrea, o xoves 4 ás 19.00 horas, os catro devanditos proxectos de webserie competirán nun pitching público perante un xurado composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay.
Estas propostas de produción son o drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; da comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; da comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis da comedia fantástica Megamadriñas, que mestura “o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego”, e baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal.

PUBLICIDADE