O Carballo Interplay estrea novo galardón en abril: o premio ao mellor contido dixital en galego

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay xa ten data para a súa próxima edición, que será os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2024, convertendo o pobo de Carballo no centro da creación dixital. Como novidade, nesta edición estrearase o Premio a Mellor Contido Dixital en Galego, que nace co obxectivo de “poñer en valor e visibilizar aos creadores e creadoras que difunden contidos audiovisuais en lingua galega na Internet”.
Desde o 30 de novembro están abertas as convocatorias para este premio e para os xa habituais, dirixidos a series internacionais de formato curto e o dedicado á produción de contido dixital en galego, para o que as persoas participantes presentan un proxecto a desenvolver.
O Premio a Mellor Contido Dixital en Galego está dirixido a proxectos que se difundan en Instagram, TikTok ou YouTube, de creación propia e en lingua galega. Dentro desta convocatoria haberá dous recoñecementos, o primeiro destinado á Mellor Canle, que conta cunha contía económica de 600 euros; e o segundo para o Mellor Creador ou Creadora, dotado con 600 euros.
O Premio á Mellor Produción de Contido Audiovisual en Galego ten como obxectivo apoiar a creación audiovisual mediante un premio de 3.000 euros que se dedicará ao desenvolvemento do proxecto gañador. Grazas a esta axuda producíronse series como Xan, premiada nos Premios Mestre Mateo, de Miguel Canalejo e Lucía Estévez; Amnesia 3.0, de Irene Pin, Cacola, de David Fidalgo ou Pringadas, de Belén Puime.
Como cada ano, mantense o buque insignia do Carballo Interplay, a súa Competición Oficial de Series en Formato Curto, pensada para producións internacionais realizadas entre 2023 e 2024. O requisito a cumprir é que teña, polo menos, tres capítulos producidos que non superen os 30 minutos cada un. Os premios outorgados nesta categoría serán á Mellor Serie (dotado de 800 euros e trofeo), Premio do Xurado Novo (dotado de 400 euros e trofeo), Premio do Público (400 euros e trofeo) e un Premio a Mellor Dirección de 200 euros e trofeo.
Para inscribirse en calquera das categorías competitivas do festival, os interesados e interesadas deberán cubrir un formulario na web do festival, onde tamén poden consultar todas as bases.

PUBLICIDADE