O Clúster TIC Galicia e Laconnetwork entregan os seus galardóns

xoves, 7 de febreiro do 2019 Redacción

Finalmente entregáronse hoxe os Premios TIC Galicia 2019 convocados polo Clúster TIC e máis Laconnetwork co obxectivo de enxalzar o revolucionario labor do noso sector. As empresas, entidades e profesionais gañadores resultaron ser Alén Space, Queres Tecnologías, Roi Scroll, Developers Foresic Tools, Redegal, AMTEGA, R, Miguel Varela e Amparo Alonso Betanzos. Os representantes das entidades recolleron os seus galardóns pola tarde, nunha gala desenvolvida no marco da Lacon9th, no PALEXCO, na Coruña.
Con estes premios, o Clúster TIC e a Laconnetwork recoñecen o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información, poñendo de relevo ante a opinión pública “o labor das empresas, profesionais e entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser”, explican os organizadores.

Fran Rodríguez, membro do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia e Antón Vázquez, co-fundador de Alén Space

Start-up
Na categoría Start-up a firma gañadora foi Alén Space, como provedora de negocios baseados en nanosatélites. Segundo informan o Clúster e Laconnetwork, o seu obxectivo é reducir as barreiras de acceso ao espazo, poñendo as ideas de negocio dos seus clientes en órbita do modo máis rápido, fiábel e barato. Con máis de dez anos de experiencia desenvolvendo, fabricando e operando nanosatélites, con hardware e software propio e unha metodoloxía adaptada aos estándares de calidade da Axencia Espacial Europea, veñen de lanzar dende o cosmódromo de Vostochny en Rusia o satélite Lume-1 para a Universidade de Vigo co obxectivo de loitar contra os incendios. Recolleu o premio Antón Vázquez, co-fundador.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron Aerocámaras, operadora número un de drons en España; e Muutech, startup especializada en solucións de seguimento empresarial e industrial.

André Castelo, membro da directiva de AGASOL (Asociación Galega de Software libre) e Víctor Fariña, CEO de Queres Tecnoloxías.

Software Libre
Na categoría Software Libre, a gañadora foi a firma Queres Tecnoloxías polo proxecto Xedoc, unha plataforma de custodia electrónica de documentos que ofrece interfaces de interoperabilidade específica para contornas clínicas baseadas en estándares sanitarios. A maiores emprega un repositorio documental de código fonte aberto. A través de Xedoc ponse á disposición dos profesionais sanitarios a documentación clínica dos pacientes, mellorando así a atención ao cidadán. O último fito desta plataforma foi permitir a conexión dos pacientes coa súa historia clínica a través da integración do portal E-Saúde. Actualmente xestiona e almacena información clínica de máis de dous millóns de cidadáns, o que supón máis de medio millón de transaccións ao día, máis de 5.000 documentos novos diarios e o acceso de arredor de 20.000 profesionais sanitarios á información. Recolleu o premio Víctor Fariña, CEO de Queres Tecnologías.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron Strelia Electrotecnia e Hércules, polo proxecto Boia Bares-Monitorizado oceanográfico de ondas, direccional e de alta precisión; e a firma Alia Technologies por EnAlia.

Luz Castro, membro do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia e Javier Barreira, CEO de Roi Scroll

Marketing Dixital
Na categoría de Marketing Dixital a empresa gañadora foi Roi Scroll, que se fixo co galardón pola campaña de verán 2018 para Pescanova, baixo o título Desenvídiate. Esta acción buscaba levar a “desenvidia” a todos os fogares españois e modificar o posicionamento de Pescanova en canto ao target e á estacionalidade dos seus produtos. Lograron más de 6.700.000 impresións en redes sociais e 3.721.914 persoas impactadas. No concurso fotográfico asociado os usuarios subiron á Rede máis de 2.700 imaxes desenvidiándose. Ademais, a web específica da campaña logrou máis de 230.000 visitas. Javier Barreira, CEO de Roi Scroll, acudiu a recoller o galardón.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron R, pola súa acción Demogorgons para moitos días; e Atlántica Comunicación pola súa campaña para Lenda Pet Food.

Patricia Argerey, directora de GAIN e Pilar Vila, CEO e co-fundadora de Developers Forensics Tools

Innovación
Na categoría de Innovación (I+D+i) a entidade gañadora foi Developers Forensic Tools polo proxecto Direct Dump. Esta ferramenta fai seguimento dos sistemas de forma transparente, alertando de intrusións e permite tomar contramedidas no caso de ataques. A maiores, fai un informe forense con validez dixital para ciberseguros. Trátase dun produto hardware e software que permite un acceso fácil e eficiente a datos volátiles e non volátiles de múltiples dispositivos e plataformas. Direct Dump, segundo valorou o xurado, posibilita a extracción destes datos, respectando sempre a súa integridade, con independencia de que os equipos estean bloqueados e sen necesidade de apagalos. O premio foi recollido por Pilar Vila, CEO e co-fundadora.
Os outros dous finalistas na categoría de Innovación foron Bahía Software, co proxecto DIAPA; e Agrupación Galicia, por Mruta.

Mención especial ao mellñor evanxelizador. Recibe o premio Miguel Varela, CEO en Teimas Development

Evanxelizador
O premio evanxelizador recoñece ás persoas (físicas) que se implican, de continuo e de maneira especial e con esforzo, axudando a tomar conciencia sobre o seguinte feito: que en Galicia existe un gran sector que xira en torno a moi boas ideas coa innovación como alicerce; ademais de organizar con excelencia algún dos eventos mensuais (LaconNetwork) que se desenvolven ao longo de todo o ano en Galicia. O galardón recaeu, nesta edición, en Miguel Varela, CEO de Teimas Desenvolvemento.
Pola súa banda, foron finalistas nesta categoría Gonzalo Garre, CMO en Livetopic; e Juan Pedro Granados; CEO, CDO e CMO en stati.co

José Antonio Román, membro do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia e Javier Castiñeiras, director de Marketing de Redegal

Internacionalización
Na categoría de Internacionalización a gañadora da edición foi a empresa galega Redegal, quen arrancou a súa internacionalización no mercado latinoamericano tras unha serie de estudios que amosaron as oportunidades de LATAM e, concretamente, México. Inaugurou a súa primeira oficina neste país en 2014 e, a día de hoxe, contan con grandes marcas na súa carteira de clientes e un equipo de máis de 15 profesionais en diversas áreas. Segundo salientou o xurado, o devandito supuxo unha serie de recoñecementos en 2018 como o indicador Ardán á Empresa Global por presentar valores elevados en magnitudes directamente relacionadas co proceso de internacionalización, tales como clientes estranxeiros, número de países aos que exporta, volume de exportacións fóra da UE, establecementos no exterior e persoal adicado a tarefas de internacionalización. Recolleu o galardón Javier Castiñeiras, director de Marketing da compañía.
A maiores das 6 categorías anteriores nas que houbo finalistas, concedéronse tres mencións especiais, seleccionadas por un comité de especialistas do sector TIC especificamente designado polos organizadores.

Alejandro Lamas, miembro del Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia e Alfredo Ramos, director xeral de R

Mención especial- Empresa Tractora
Adicado a aquelas empresas que apostan e confían nas startups galegas, contratando os seus servizos e/ou produtos e ofrecendo unha oportunidade firme de negocio. A empresa tractora escollida nesta edición foi R polo seu programa de aceleración Startup R DiCo Challenge. Segundo valorou o xurado, esta iniciativa, participada por AMTEGA, pretende facer rendíbeis a medio prazo as solucións que xurdan da operadora e axudarlles a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, incluíndo a R como potencial primeiro cliente. A aposta da operadora consiste en abrirse ao ecosistema de emprendedores, empresas e outras entidades da contorna dos contidos dixitais para colaborar con elas no desenvolvemento de proxectos innovadores que poidan, por unha banda, solucionar os retos de innovación da compañía e, pola outra, enriquecer o tecido empresarial galego dos contidos dixitais. Recolleu o premio Alfredo Ramos, director xeral de R.

Frankie Gómez, responsábel da Laconnetwork e Rosa Méndez, directora da Área de Sociedad Dixital de AMTEGA

Mellor Iniciativa TIC
Este premio, adicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións e institucións que axudan á creación, o lanzamento e o asentamento de empresas e emprendedores TIC recaeu na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) polo seu Plan de Acción para o impulso dos contidos dixitais en Galicia, Dico Mindset. Este ten como obxectivo impulsar a modernización e innovación tecnolóxica do sector dos contidos dixitais e dinamizar a xeración e posta en marcha de proxectos para a transformación dos sectores produtivos de Galicia aproveitando as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías. Valorouse especialmente a actuación en colaboración coa Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo. Buscouse así fomentar a creación de contidos dixitais orientados a un mercado global que e tamén o desenvolvemento de novas tecnoloxías no sector dos contidos dixitais.

A investigadora Amparo Alonso Betanzos

Mención Especial – Traxectoria.
Esta distinción recoñece ás persoas físicas que se implican, constantemente de maneira especial e con esforzo nas TIC galegas. Este galardón recaeu en 2019 en Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial e coordinadora do grupo de investigación LIDIA. Esta enxeñeira é un referente no eido da Intelixencia Artificial. Foi bolseira na primeira edición internacional do programa L’’Oréal-UNESCO For Women in Science en 1998, sendo a primeira participante española nos 17 anos deste programa. A súa tesina enfócase na informática biomédica, estudando a aplicación de técnicas informática en campos relacionados directamente coa monitoraxe antenatal. Alonso Betanzos centrou a súa tese nas aplicacións en Intelixencia Artificial, que continuou na súa Postdoctoral Fellowship en Estados Unidos. Segundo salientou o xurado, “trátase dunha loitadora contra a brecha de xénero no sector TIC, é un referente para a mocidade feminina e un exemplo de como a tecnoloxía pode estar ao servizo da sociedade e dos problemas sociais”.

PUBLICIDADE