O Clúster TIC Galicia e a LaconNetwork premian ao mellor do sector tecnolóxico galego

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Mensualmente os albaneis da nube xúntanse en encontros gastronómicos por distintas localizacións galegas para fornecer o contacto dos distintos axentes do sector TIC galega, e esta iniciativa chamada LaconNetwork ten xa como unha tradición iniciar o ano celebrando o seu aniversario e celebrando unha gala de entrega de premios que axude a dar visibilidade a iniciativas tecnolóxicas da nosa terra.
Este ano non foi un caso distinto, pero os premios desta edición organizáronse en colaboración co Clúster TIC Galicia, de xeito que coñécense como Premios TIC Galicia, que entregáronse esta mesma mañá en PALEXCO (A Coruña), nunha gala integrada no encontro de 8º aniversario da LaconNetwork, e que estivo conducida polo xornalista Fran Hermida.

Frankie Gómez nunha imaxe de Xaime Cortizo

Os galardoados desta edición foron Visual Publinet pola Mellor Campaña de Marketing Dixital (pola campaña de lanzamento de Trazers); Boardfy Pricing como a Mellor Startup; Xercode Media Software veu recoñecida a súa implantación de Koha ILS na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia; Bahía Software conseguiu vencer na categoría de Innovación polo seu proxecto uFOREST; na categoría de internacionalización o galardón foi parar a Netex Knowledge Factory; o premio ao mellor evanxelizador foi para José Luís Gómez de La Casa de la Aldea; Tino Fernández (Altia Consultores) recibiu un recoñecemento á súa traxectoria profesional; Supervisión y Control recibiu unha mención especial como empresa tractora pola súa aposta por startups galegas e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) recibiu unha mención especial como Iniciativa TIC pola axuda á creación, lanzamento e/ou asentamento de empresas e ao propio emprendedor.

PUBLICIDADE