O Concello da Coruña solicitará o apoio da Xunta e o Estado á Cidade das TIC

martes, 12 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña vén de dar un novo paso no proxecto impulsado conxuntamente coa UDC para converter a Fábrica de Armas na Cidade das TIC, un proxecto do que falamos polo miúdo en xaneiro con motivo da súa presentación e dos primeiros contactos relevantes co Goberno central e para o que se están a procurar novos e significativos respaldos. Onte mesmo o pleno do Concello aprobou por unanimidade instar á Xunta a emprestar “a máxima colaboración, apoio e participación” no deseño, planificación, tramitación e posta en marcha da Cidade das TIC nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña.
Segundo fixo saber o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, a iniciativa está a ser liderada pola Universidade e conta “dende o primeiro intre” co apoio do Concello, sendo o seu obxectivo crear no dito emprazamento militar “un ecosistema económico e académico que facilite a transferencia de coñecemento, a captación e retención de talento e a atracción e desenvolvemento dun tecido industrial altamente competitivo”.
Segundo salientou o Executivo municipal, o proxecto “supón unha grande oportunidade para, por unha parte, recuperar a actividade industrial da antiga fábrica e, pola outra, situar a cidade como referente do noroeste peninsular nas economías baseadas no coñecemento, a innovación e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
A moción aprobada onte fai fincapé en que a Cidade das TIC xa conta co “visto e prace” do Ministerio de Defensa. Ao mesmo, pide o máximo apoio institucional e económico á iniciativa de posta en valor da Fábrica de Armas por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o IGAPE, o Goberno central e demais entes públicos, “en colaboración, coordinación e cooperación coas entidades promotoras e implicadas, particularmente coa Universidade e o Concello”.

PUBLICIDADE