O Concello de Culleredo estrea aplicación para iPhone
luns, 25 de marzo do 2013
O
Concello de Culleredo estreou estes días unha aplicación móbil desenvolvida pola
empresa coruñesa Movendo, dispoñible inicialmente
para iPhone (está en desenvolvemento a súa versión para móbiles Android), e
que busca achegar ao peto do cidadán información municipal dun xeito inmediato,
así como facilitar a interacción co goberno local, iniciativa na que aseguran
ser pioneiros a nivel galego.
A aplicación conta con 6 apartados
fundamentais: novas (coa actualidade municipal), fotos (fotografías dos
principais espazos de Culleredo, que poden gardarse e compartirse), directorio
(con información de servizos dos diferentes departamentos municipais),
Culleredo (reportaxe turística do Concello), Suxestións (para enviar
comentarios, queixas ou reclamacións) e incidencias (que busca a participación
cidadá, permitindo que os veciños poidan dar conta dalgún estrago nas rúas
remitindo unha fotografía ou vídeo e unha descrición para que o Concello poida
actuar ao respecto).
A aplicación tamén conta cun apartado sobre o Plan Dinamo (financiado con
fondos FEDER, que foi o que propiciou o desenvolvemento desta ferramenta) e
información sobre o estado meteorolóxico de Culleredo e un saúda de Julio Sacristán,
alcalde do municipio, quen asegura sentirse “orgulloso”
de que Culleredo sexa pioneiro entre os concellos galegos en contar cunha
aplicación destas características da que coida que “terá unha grande aceptación entre os veciños, pois ten un funcionamento
moi sinxelo e se pode obter moi rapidamente toda a información que se inclúe”.