O Concello de Lugo entregou os diplomas do TIC Arqueolóxico

martes, 14 de agosto do 2018 Redacción

O Concello de Lugo vén de facer reconto dos froitos acadados ao abeiro da iniciativa Obradoiro TIC Arqueolóxico, posta en marcha hai aproximadamente un ano e dirixida a dinamizar o Vello Cárcere a través das TIC. Segundo lembrou o Goberno local, o taller contou con 224.000 euros de orzamento e tivo como obxectivo “pór en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo”, amais de facilitar a formación de 13 desempregadas e desesempregados maiores de 18 anos e fornecelos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral. Estes e outros datos foron dados a coñecer pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro. O patio central do Vello Cárcere serviu de escenario ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego.
No acto, no que tamén estivo presente a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a alcaldesa subliñou que os obradoiros son exemplo “de que a colaboración institucional sempre redunda beneficiosamente na cidadanía, sobre todo nun eido coma este, a inserción laboral”. Méndez puxo en valor a innovación ou valor engadido que sempre caracterizan as propostas de obradoiro do Goberno lucense, co “obxectivo duplo de formar nos sectores con máis futuro en Lugo, como o turismo ou a xestión cultural e patrimonial, e de valorizar e difundir os inmensos recursos patrimoniais do municipio de maneira dinámica e atractiva, utilizando para iso as novas tecnoloxías”.
A rexedora recoñeceu o “excepcional e intenso” traballo e a “implicación” do alumnado, dirección e profesores do obradoiro, e do arqueólogo municipal, Enrique González. Amais, lembrou que o Concello ten unha consignación para emprego de 3M€ nos orzamentos deste ano e traballa de continuo para atraer iniciativas e investimentos para “seguir xerando oportunidades laborais”. Neste senso, mostrou a súa confianza en que a Xunta conceda ao Concello os dous novos obradoiros que ten solicitado: InteracTICvate e Fórum 4.0, dirixidos unha vez máis á difusión do patrimonio a través das TIC.
A formación e traballo do alumnado do TIC Arqueolóxico, coordinado por dous profesores e o director, Manuel Barreiro, ademais do arqueólogo do Concello, centrouse en dúas vertentes. Por unha banda, nun labor intenso de dixitalización en 3D de pezas arqueolóxicas achadas nas escavacións realizadas na cidade, en torno a medio milleiro, para o cal foi precisa a realización de máis de 20.000 fotografías.
Asemade, revisáronse máis de 10.000 pezas arqueolóxicas coa finalidade de identificar e seleccionar as máis significativas, que á súa vez foron dixitalizadas.
En base a este traballo, elaborouse un catálogo virtual con preto de 200 pezas arqueolóxicas, presentado no acto celebrado hoxe polo arqueólogo do Concello e un dos profesores do obradoiro, Rubén Pintor, e que se porá a disposición da cidadanía a través dunha ligazón na páxina web da Administración local, www.lugo.gal.
Respecto dos vestixios recollidos, son testemuños de aspectos salientábeis do Lugo romano e pezas procedentes sobre todo dos fondos do depósito da Xunta de Galicia que custodia o Concello de Lugo, a través do Servizo Municipal de Arqueoloxía; pero tamén conta con algunhas pezas depositadas no Museo Provincial ou no Museo Diocesano Catedralicio, e inclúe así mesmo algún elemento relacionado cos vestixios arqueolóxicos da cidade (piscina de Santa María) ou da súa contorna (Monumento de Santa Eulalia de Bóveda).

PUBLICIDADE