O Concello de Lugo permítenos visitar as portas da Muralla con realidade aumentada

luns, 13 de maio do 2019 Redacción

O Concello de Lugo vén de ampliar a súa gama de servizos a disposición dos turistas e residentes. Desta volta, o abano de recursos espallouse coa posta en marcha dunha aplicación móbil que achega información detallada dos grandes tesouros patrimoniais e culturais da cidade e do concello, comezando polas dez portas da Muralla Romana. A app en cuestión chámase aumentAR Lugo e foi desenvolvida para ampliar o coñecemento que viaxeiros e veciñanza teñen da cidade e a súa historia a través de tecnoloxías de Realidade Aumentada e guías turísticos virtuais. A ferramenta, promovida e presentada nos sinais de cada porta, está dispoñíbel tanto para iOS como para Android.
A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto ao arqueólogo municipal, Enrique González, foron os encargados de presentar a aplicación a semana pasada, amais de comprobar o funcionamento da ferramenta ao longo dun percorrido pola Porta Miñá e a Porta de Santiago.
Así mesmo, o Concello informou do lanzamento de máis material de difusión, desta volta da rede de museos municipais, das xanelas arqueolóxicas, da Catedral e do Vello Cárcere, tanto en galego, como castelán, inglés, francés e alemán. Nestes folletos tamén se difunde a nova aplicación móbil.

PUBLICIDADE